INTERFERENCIAS / Migel A. Fernández
24 ene 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Non deixa de ser paradóxico que sexa o Versión española da segunda canle de TVE quen bote Fisterra xunto a un coloquio co seu director e cos tres principais protagonistas. Paradóxico que por riba a copia levara os créditos en galego. E aínda máis paradóxico cando a segunda película de Xavier Villaverde, que acadou unha moi notable acollida entre o noso público, tivo cartos da Xunta e da propia TVG. E aí compre chegar, porque xurde a inevitable pregunta do porqué La 2 acolle un formato coma este, de claro apoio ó cine español, mentres en San Marcos pasan da fórmula, có barato que resultaría producilo. Poderáse discrepar coas seleccións de Cayetana Guillén ou có que se queira, pero non hai dúbida da súa efectividade para coñecer un pouco mellor ó cine propio, agora que vai apañado diante da prepotente industria de Hollywood. Semella que a autonómica lle teña alerxia á cultura, de feito sae pouca cultura na nela, pero ese é tema vello e non ven ó caso. Non andamos moi sobrados de cine galego, pero aínda se poden xuntar dúas dúceas de películas axeitadas para un espacio que axude a promocionar o cine en xeral e o noso en particular. Teñen na TVG medios e persoal cualificado para promover algo semellante sen necesidade de poñelo ás catro da mañán. Noraboa a Xavier por entrar no clube dos valores sólidos do cine español, pero mágoa que outra vez fomos detrás e sen saber pedir paso.