ENTREVISTA: Gonzalo Navaza, escritor e profesor titular da Universidade de Vigo A economía da linguaxe caracteriza as obras de Gonzalo Navaza, que di «o que me disgusta é a palabrería». Respecta as palabras e considera que o poeta «debe estar comprometido coa escrita». Navaza, gañador da última edición do premio Martín Codax, experimenta coas formas, pero en canto á innovación temática opina que «todo o que se pode dicir xa se dixo algunha vez».
10 sep 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Atopamos a Gonzalo Navaza percorrendo a comarca de Deza e tomando fotografías. O escritor descansa uns días, despois de recibir o Premio Martín Códax de poesía e de conseguir unha praza de profesor titular na Universidade de Vigo. Libra, a obra que lle mereceu o Martín Códax, sairá ó mercado no mes de outubro, na editorial Galaxia. _No seu último poemario experimentas coa forma _É un libro máis ben pequeno, pero resulta plural, xa que nel misturo a experimentación e as formas tradicionais. Poemas breves ou himnos clásicos, conviven con poemas experimentais. _O mesmo título, a pesar de ser curto, ten un significado moi extenso. _Libra dá idea de equilibrio e, ó mesmo, tempo expresa o artificio da linguaxe, xa que é o único signo do zodiaco que non procede da natureza. _¿Como entendemos a poesía como artificio? _Para crear, o poeta ten que distanciarse dos seus sentimentos, recrealos, dalgún xeito. Para escribir precísase estabilidade, equilibrio. _Ademáis, se lle damos a volta a ese título quéda abril; ¿por que ese mes? _Segundo o poeta británico Eliot, é o mes máis cruel, porque permite a renovación da natureza, pero non a do individuo. Tamén expresa o regreso á vida. _Un dos poemas está adicado a Rosalía de Castro _Trátase dunha descrición impresionista da súa poesía, do seu valor literario. É un pozo sin fondo e unha gran fonte de inspiración. _Ten dito que o que non se pode dicir con palabras non existe, ¿non é unha afirmación moi forte? _Só trato de exalta-lo valor da linguaxe para o sentimento. Dalgún xeito, o mundo está na linguaxe, o que me disgusta é a palabrería. _¿Que opina entón da gran proliferación de libros e de autores? _Ese problema non lles afecta só ós libros. Hoxe todo o mundo pode emitir mensaxes e dese xeito aparece o ruído. Será unha persoa sabia quen teña os filtros para separa-lo ruído das mensaxes. _¿A que cree que se debe esta situación? _É difícil de saber. Supoño que a xente ten demasiado interese por publicar.