José Ángel Valente foi un autor que buscou a revelación e o centro da palabra Foi neno triste e provinciano. Foi poeta doente e corrosivo. José Ángel Valente buscou o centro da palabra, fíxose a un lado dos brillos con que a sociedade deslumbra a algúns literatos e aínda tivo tempo de afiar na súa lúcida dor de intérprete o látigo da ironía. Valente padeceu ese extraño efecto dos mundillos culturales: foi máis respectado que lido. En parte por eso, e tamén pola súa actitude radicalmente individual quedou como figura á marxe e nesa marxe deu co centro das cousas, o centro da linguaxe.
18 jul 2000 . Actualizado a las 07:00 h.CAMILO FRANCO OURENSE A biografía de Valente foi a do escritor seriamente enfrontado coa circunstancia: coa do neno nunha longa posguerra de provincias, coa do mozo en universidades máis proclives á disciplina cá ciencia, coa do escritor nun exilio europeo, en certo sentido afortunado, en certo sentido frustrante. Quizais por eso a obra do poeta estea atravesada da dorida conciencia do presente, da negativa a todo disfraz e, sobre todo, da seguridade absoluta de que a palabra, ademais de contar, revela. A Valente o naceron, como escribiría el, no Ourense de 1929. As súas primeras palabras puideron coincidir coa proclamación da República. Logo, no coñecido xiro da historia, chegou a versión menos pacífica do silencio e foi afogando co manto da derrota calquera sombra de aire na herba. O poeta creceu así, no silencio dos pesados cortinóns, na intimidade forzada dos sentidos e nunha cidade que, como tantas outras, fixo propósito de ser máis franquista que Franco. A primeira alternativa á néboa da dictadura foi unha biblioteca familiar que, en tempo anterior, fora alimentada por Basilio Álvarez, cura agrarista que entendeu que a redención do home non pode ser só espiritual. Nesa biblioteca había, para cando a frecuentou Valente, numerosísimas obras que o réxime do general xa prohibira. Nesas voces, o poeta encontrou un horizonte. Da patria infantil e da oscura ratoneira, a Valente quedoulle a tensión xerminal do silencio e o sentido liberador da palabra. Unha pegada intensísima se atendemos á definición que fixo o escritor da poesía: «é a tensión entre o silencio e a palabra». O poeta, metido estudiante de Filoloxía, marchou a Compostela e Madrid. Pero quizais o aire foille pouco máis respirable que en Ourense e tomou camiño de Europa: ó exilio ou á emigración, como se queira ver. O exilio, a distancia, puido ser tamén outra forma de tensión entre silencio e palabra. A mesma tensión que buscou o punto cero da linguaxe. A tensión dos contrarios que de tantas maneiras se manifesta na obra do poeta. O poeta da lucidez Por eso sentiuse a un tempo lector de místicos e de canallas. Por San Juan de la Cruz e por Santos Discépolo. Todo decanta na obra de Valente porque aprendeu que se escribe co pensamento o que se sente cas vísceras, que o tempo e os seus xogos coa memoria todo o pule. Ese mesmo fulgor da lucidez alumbrou a Valente nas súas numerosas loitas de independencia. Primeiro, para rexeitar a etiqueta de poeta dos 50. Segundo, para manter a opinión sobre algunhas xeracións poéticas preñadas de señoritos. Valente foi francotirador convencido, inquietante, mesmo irascible. Retornou a Ourense nos últimos anos a recibir consideracións e a loitar por liberar ó cementerio de San Francisco das ambicións inmobiliarias. Foi un retorno tan progresivo, e acaso visionario, como a súa fuxida. Mesmo foi un retorno a contracorrente. Enmarcado na lucidez furibunda que marcou a súa obra, na decisión de permanecer no centro da razón humana, en acompasar o seu itinerario vital co literario.