Valente, Gimferrer, Lertxundi e De Melo, premios Rosalía de Castro

O galardón concédeo o Pen Clube a escritores nas outras linguas da Península Ibérica O poeta José Ángel Valente contará entre os seus galardóns literarios co que lle concedeu onte o Pen Clube Galego, o Premio Rosalía de Castro na modalidade de creación en castelán, polo conxunto da súa obra. Tamén foron elexidos os gañadores que escriben nas outras linguas da península, que no caso da catalana recaeu en Pere Gimferrer, na vasca en Anjel Lertxundi e na portuguesa na poetisa Sophia de Melo. O fallo coincide co aniversario da morte de Rosalía, da que se cumplen hoxe 115 anos.


SANTIAGO

A entrega dos galardóns ós catro escritores gañadores desta terceira do premio bianual instituído polo Pen Clube Galego en 1996 será no mes de novembro, nun acto que se celebrará no salón Nobre do Pazo de Fonseca e nunha data pendente de determinar. Nesta ocasion actuará como mantedor o escritor galego Arcadio López Casanova.O xurado encargado de emitir o fallo deste ano estivo formado polos escritores Carlos Casares, Alfredo Conde, Víctor Freixanes, Basilio Losada, Xesús Rábade, Suso de Toro, Luís González Tosar e Helena Villar, todos eles membros do Pen Clube. A decisión foi tomada por unanimidade, considerando os méritos indudables dos catro narradores e poetas.Os premios Rosalía de Castro foron instituídos para distinguir, en tódolos casos, ós narradores e poetas en lingua castelá, en euskera, en catalán e en portugués cunha traxectoria literaria consolidada e polo conxunto da súa producción creativa. Os autores en lingua galega quedan excluídos «por razóns obvias», según suliñou onte o facer público o fallo do xurado o presidente do Pen Galego, Luis González Tosar. Entenden que non se poden premiar a si mesmos, porque do que se trata «é de ser xenerosos e recoñecer os méritos dos compañeiros escritores que teñen destacado nas literaturas producidas nas outras linguas da Península Ibérica».Os premios da primeira edición, no ano 1996, foron para o escritor galego, pero cunha rica e ampla producción literaria en castelán, Gonzalo Torrente Ballester; para o portugués, que daquela aínda non recibira o Premio Nobel, Jose Saramago; para o autor vasco Bernardo Atxaga; e para o catalán Joan Perucho. Os galardóns da segunda edición, en 1998, recaeron no novelista e articulista en castelán Manuel Vázquez Montalbán, no portugués Antonio Lobo Antunes, no catalán Mikel de Palol e no vasco Juan María Lekuona.Estes premios, que se denominan Rosalía de Castro en honor «a nosa escritora máis universal», como lembrou González Tosar, non teñen dotación económica algunha. O Pen Galego distingue ós premiados cun agasallo, unha placa única que leva o grial esmaltado e que foi deseñada por encargo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

Valente, Gimferrer, Lertxundi e De Melo, premios Rosalía de Castro