«Non pararemos ata conqueri-la igualdade entre o galego e o castelán», afirma Palmou, en nome do PP, diante da tumba de Murguía «Os mortos de San Amaro son arrolados eternamente polas olas do mar». Barreiro Fernández lembrou as palabras de Otero Pedrayo para contar que Manuel Murguía pedira ser enterrado no cemiterio coruñés de San Amaro. A tumba do Patriarca foi un dos moitos lugares onde se fixeron ofrendas florais. Outros sitios foron os monolitos dedicados o autor de «Los Precursores», entre eles o de Oseiro, onde naceu. En San Amaro, o secretario xeral do PP, Xesús Palmou, dixo, en nome dos «populares», que «non pararemos ata conqueri-la igualdade entre o galego e o castelán». O día anterior o PSOE estivo no mesmo lugar.
17 may 2000 . Actualizado a las 07:00 h.A Banda Municipal da Coruña toca a Negra sombra. Desde o alto do mediodía o sol busca os furadiños das nubes para ver que pasa polo medio das árbores. A única sombra que cae sobre o busto de Murguía é dunha palmeira. Dun autobús do Castromil, co nome do historiador, van baixando académicos e autoridades, con Del Riego á cabeza. «Aquí vimos todos como se foramos do Inserso», ironiza ó baixarse Salvador García Bodaño.«Estes, agora moito conto, pero se levantara a cabeza máis dun había saír correndo, porque el non era destes», explícalle un homiño ó seu compañeiro de paseo, que parece entender perfectamente quen son uns e outros. Unha coroa de flores queda na base do busto e a Banda Municipal arrinca co Himno Galego. Un dos curiosos que se achegou canta o himno, arrimado a un pino. Uns metros máis adiante, o autor da letra, Eduardo Pondal, aguanta no seu busto a color dos verdes castros que lle dan as ponlas dos dous pinos que ten enriba de sí.Á saída, o alcalde coruñés, Francisco Vázquez, tíralle unhas flores literarias á súa cidade á que «Murguía estaba moi vencellado. Adoraba o sentido aberto e liberal deste cidade».A comitiva oficial, que se xuntara no Paraninfo da Universidade, dividiuse ó saír e boa parte dos membros do PP fóronse a San Amaro.Alí, nun camposanto cargado de historia, Xesús Palmou díxolle a Murguía que «queríamos facerte partícipe desta festa grande para que vises xa florecido o que ti só deixache sementado: o respecto pola nosa historia, o amor ás tradicións, o orgullo de sermos galegos, a defensa de todo o bo que nos diferencia, metas todas elas que te inspiraron e que, non che caiba dúbida, a ti nin a ninguén, inspiran tamén o noso traballo como partido e nas institucións».Despois, os académicos viaxaron ás «terras de Arteixo, ventre do Patriarca», como diría Xosé Carlos Caneiro ó recoller o seu premio Manuel Murguía.