Patrocinado porPatrocinado por

Valores que non se mercan

Gerardo Triñanes

SOMOS MAR

Carpintería naval en madera
Carpintería naval en madera MARCOS CREO

. A carpintería de ribeira é un oficio que non só constrúe barcos, senón que transmite unha maneira de entender o mundo

04 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai datas, como as do Nadal, que convidan a falar de valores: respecto, coidado, paciencia, responsabilidade co que herdamos e co que deixamos. Con frecuencia faise desde o discurso abstracto, pero eses valores existen de verdade cando se practican. A carpintería de ribeira é un bo exemplo diso: un oficio que non só constrúe barcos, senón que transmite unha maneira de entender o mundo.

Desde a súa creación, no 2007, a asociación Agalcari vén defendendo a carpintería de ribeira como algo máis ca patrimonio cultural. Nela atesóranse valores ambientais e humanos que tamén atravesan o pensamento de Neira Vilas: respecto pola madeira, coñecemento da natureza e unha ética do límite, tan necesaria hoxe como esquecida. Un mestre carpinteiro de ribeira non pode mentirlle á madeira. Se forza unha veta ou acelera o proceso, a peza rompe e o barco falla. A madeira obriga a escoitar, a agardar, a rectificar. Ese diálogo constante coa materia é tamén unha lección moral: lembra que non todo pode facerse cando queremos, senón cando debe; que o tempo non é un inimigo, senón parte do proceso.

Esta forma de traballar encerra valores que estas datas din celebrar: a paciencia fronte á présa, coidado fronte ao uso irresponsable, verdade fronte ao artificio. O carpinteiro non impón, acompaña; non esgota, respecta; non substitúe á primeira dificultade, repara. Son xestos sinxelos, pero profundamente educativos.

O carpinteiro de ribeira está máis preto dos antigos filósofos da natureza ca dos modelos produtivos actuais. Como eles, entende que a materia non é neutra nin infinita, que ten memoria e resposta. Esa sabedoría práctica contrasta cunha sociedade marcada pola inmediatez, pola velocidade e a falta de reflexión a longo prazo.

O paradoxo faise especialmente visible na ría de Arousa. Nun dos ecosistemas mariñeiros máis valiosos e fráxiles, a maior parte dos barcos constrúense hoxe con materiais derivados da industria petroquímica, pouco respectuosos co medio ambiente e dificilmente reciclables. Mentres, a madeira —material renovable, reparable e sostible— é progresivamente abandonada, xusto cando máis se fala de sustentabilidade. Non se trata de idealizar o pasado nin de rexeitar a innovación, senón de recuperar criterio. Quizais estas datas tamén sirvan para lembrar que non todo o que avanza progresa, e que construír futuro sen escoitar a madeira, a natureza e ao tempo, acaba sempre por pasar factura.