Opmega entregou onte os premios do certame que convoca para animar á mocidade a incorporarse ao sector bateeiro
07 may 2022 . Actualizado a las 17:03 h.Raquel Alsina e Noelia Sieira, do IES As Insuas, fixéronse este ano co premio de «Batéate» ao mellor proxecto audiovisual, mentres que Ismael García, do IES Lamas de Castelo, gañou na categoría de fotografía. Pero estas tres personas creativas non foron as únicos galardoadas na gala final de «Batéate», a iniciativa impulsada por Opmega para garantir a substitución xeracional no sector. María Eduarda Teixeira (IES Campo San Alberto), Noa Tubío (CPI Cernadas de Castro) e Brais Donas e Sara Campos (IES Valle Inclán) tamén foron recoñecidos na segunda fase do concurso pola reportaxe mellor documentada, a fotografía de mellor calidade e a reportaxe con mellor adaptación temática, respectivamente.
Desde as butacas do auditorio do edificio Mexillón de Galicia e desde as súas propias clases, os compañeiros dos premiados animaron a gala cos seus aplausos e coas gargalladas que lles arrincaron desde o escenario os actores Carlos Blanco e Touriñán, padriños de luxo desta terceira edición e capitáns dos grupos nos que se dividiron os oito centros participantes. Tamén interveu na gala o presidente da entidade organizadora, Ricardo Herbón, quen agradeceu os traballos presentados «pola súa gran calidade e a sensibilidade que demostraron á hora de entender unha profesión como a nosa, dura pero apaixonante”.