Patrocinado porPatrocinado por

«Ofrecemos a experiencia de sentirse fareiro nun edificio cun século de historia»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

Laura Martelo

Jesús Picallo avoga porque as administracións faciliten a cesión de faros e outros inmobles baleiros

20 oct 2021 . Actualizado a las 05:10 h.

Coa vantaxe que supón una experiencia anterior, neste caso consistente en converter O Semáforo de Fisterra nun hotel, Jesús Picallo lanzouse á recuperación dunha das xoias patrimoniais de Carnota, o faro de Lariño, para dedicalo ao eido turístico. Aínda que o proceso estivo marcado pola pandemia, pois o negocio abriu as súas portas o pasado 10 de xullo, o balance que fai o empresario deste arranque non podía ser mellor.

-Como foi este primeiro verán do hotel Faro Lariño?

-É certo que xullo foi a medio gas, porque viñamos de abrir e o tempo tampouco axudou, pero en agosto remontamos e tivemos cheo todo o mes. A ocupación tamén foi moi alta en setembro e colgamos o cartel de completo na ponte do Pilar. Agora mesmo xa estamos collendo reservas para o vindeiro ano.

-A que se debeu esta aposta polo faro?

-Comezamos de fareiros no Semáforo de Fisterra hai cinco anos e a experiencia foi moi positiva, por iso decidimos repetila. O certo é que foi un labor duro, de loita burocrática, pero ao final conseguimos poñer en valor un edificio que estaba pechado e hoxe é unha referencia. Ofrecemos a experiencia de sentirse fareiro nun edificio cun século de historia, pois cumprirao precisamente o 25 deste mes. Poucos edificios hai que tiveran unha función tan altruísta como a de servir aos mariñeiros e agora o fin é servir aos turistas.

-Que outros atractivos ten o establecemento?

-Contamos cun minicentro de interpretación que, a través de 11 placas, pon en valor a contorna, con información sobre puntos de interese como o monte Pindo ou a fervenza do Ézaro. Outro puntal é a gastronomía, a través da taberna O Ariete. Aquí tamén é posible gozar dunha noite de temporal. E temos previsto ceder un espazo para a cultura local, para que se poidan celebrar presentacións de libros, exposición de pintura ou mostras de artesanía.

-Seguirá a empresa co proceso de expansión?

-Somos unha empresa con inquedanzas, iso está claro. Xunto co meu fillo, Jacinto Picallo, estamos valorando varias opcións, queremos seguir medrando e apostando por un turismo peculiar.

-Merecen outros faros ter unha segunda vida?

-Claro, porque son patrimonio de todos. Lembro vir a Carnota e ver pintadas pedindo que salvaran o faro. Hoxe está recuperado e Carnota pode presumir deste edificio. Hai moitas propiedades cerradas, non só faros, tamén fábricas de salgadura ou conserveiras. Eu avogo porque as Administracións faciliten a cesión destes inmobles, para que teñan unha segunda oportunidade.

-Cal é o maior obstáculo que tivo que afrontar no proceso de recuperación do faro de Lariño?

-A incoherencia entre as distintas Administracións e a lentitude, que fai que te aburras no intento. A maiores está o custe económico que iso supón.

-Como especialista na materia que é, que cre que busca o turista de hoxe en día?

-Busca o Camiño de Santiago, evidentemente, pero tamén outras rutas, como a dos faros, que nós tentaremos alongar cara a Corrubedo. Tamén hai interese polas sendas verdes e aí temos que incluír o monte Pindo. O turista de hoxe en día busca experiencias, busca desconectar da rutina do día a día.

-Marcou o covid un antes e un despois a nivel turístico?

-Sen dúbida. Agora os turistas queren hoteis pequenos, aqueles con 40, 50 ou máis habitación van telo complicado. Por iso Galicia está en auxe e este verán vimos como a xente descubriu Barbanza e a Costa da Morte.

-Será unha moda pasaxeira ou hai posibilidades de que perdure no tempo?

-Temos unha serie de fortalezas que hai que explotar. Ademais de paisaxe, cultura e gastronomía, está a profesionalidade do sector, que se nota na atención e no servizo. Por riba, aquí somos economicamente accesibles. Evidentemente, hai que divulgar máis o destino e aí os concellos deben xogar o seu papel. Non se trata de que cada un vista a súa camiseta, senón de aliarse co xeodestino.