Patrocinado porPatrocinado por

Comendo diamantes

Torcuato Teixeira SECRETARIO XERAL DE FREMSS

SOMOS MAR

RAMON LEIRO

16 oct 2021 . Actualizado a las 17:58 h.

Asistindo a acertada iniciativa da Consellería do Mar, pondo en marcha o primeiro foro de fomento do consumo de peixe -presencialmente, que é como se degustan mellor os relatorios de alta calidade con que nos dispensaron estes días os prestixiosos científicos que nos deleitaron e iluminaron sobre as non poucas bondades da Dieta Atlántica e o consumo de peixe- un non pode deixar de preguntarse a que esperamos para apostar dende todas as instancias públicas e ata privadas para fortalecer e asegurar o futuro do noso sector pesqueiro, que nos achega estes diamantes chamados peixes, alimentos moi saudables para o noso corpo e moi saudables para o planeta. Galicia ten unha das expectativas de vida mais grandes a nivel mundial, Galicia gran consumidora de peixe, Galicia gran potencia pesqueira que opera en diferentes mares de xeito sostible, todo case perfecto para apostar polos nosos pescadores de hoxe e apostar polos do futuro, para que os galegos segamos sendo unha grande potencia pesqueira.

O consumo de peixe -dínolo acreditados estudos, non panfletos como os que habitualmente se sacan para socavar o sector pesqueiro por parte de tanto interesado en que a pesca abandone os mares- asóciase a un envellecemento mais saudable, as súas graxas omega 3 conteñen material premium para que as nosas células teñan membranas de máxima calidade, consumir peixe de dúas a tres veces á semana reduce as mortes súbitas nun 30 %, e poría seguir case de xeito infinito...

Como dicía o cardiólogo do Chuac Guillermo Aldama, o explorador español Ponce de León buscaba a Fonte da eterna xuventude na Florida e nunca a atopou, porque esa fonte é o noso peixe e o temos aquí moi preto.

Pero é que, ademais, outro científico dos que temos en Galicia para presumir, o catedrático de Enxeñería Química da USC, Gumersindo Feijoo, visualizou moi explicitamente con datos rigorosos e acreditados que, si, que a pesca non só coida o noso corpo, tamén coida o planeta pola baixa pegada de CO2 e baixa pegada hídrica.

E a todo isto hai que engadir o aspecto gastronómico das múltiples posibilidades que nos dá o peixe de calidade que temos en Galicia e que tan ben describiu con paixón e coñecemento a cociñeira estrela Michelin Lucía Freitas.