Patrocinado porPatrocinado por

Algo se move na gobernanza pesqueira en Bruxelas

Torcuato Teixeira TRIBUNA

SOMOS MAR

12 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Alguén dixo que «o castigo do idealista consiste no triunfo da súa causa». Pois ben, creo que estou a punto de ser castigado, pois convidado nunha acertada iniciativa polo europarlamentario Millán Mon a facer acto de presenza nas institucións europeas xunto cunha ampla representación do sector pesqueiro galego nesta pasada ponte da Constitución, e nun contexto de grandes incertezas a curto e medio prazo para o sector pesqueiro, falamos de obrigas de desembarque, falamos de revisión de importantes regulamentos como o de medidas técnicas ou, como non, o impacto no brexit na pesca galega. Pois ben, por primeira vez en moitos anos podo dicir que en Bruxelas algo semella que se move a prol da pesca.

Detectamos que, por fin, a Comisión Europea se decatou de que non se pode seguir a gobernar de costas aos pescadores, que non se pode gobernar a pesca como se todas as rexións marítimas e diferentes pesqueiras fósemos iguais, que non se pode gobernar sen ter en conta os aspectos sociais e económicos da pesca, e semella, en definitiva, que por fin se decatou de que na gobernanza pesqueira é tan importante ter en conta os peixes como as persoas que viven da pesca.

Descoñecemento e desprezo

Agora, claro, falta pasar da retórica aos feitos, pero o discurso empeza a mudar, e a acción agora tamén deberá mudar en consecuencia. Atrás deben quedar accións teledirixidas e influenciadas por diversos actores con profundo descoñecemento e desprezo pola pesca e os pescadores. Atrás deben quedar iniciativas sen ó máis mínimo rigor técnico tentando facer política pseudomedioambientalista coa pesca. Atrás debe quedar, en definitiva, unha gobernanza pouco transparente, escasamente participativa e unidireccional pensando só nos peixes e escasas veces nos pescadores.

Se a isto sumamos que o Parlamento Europeo empeza a tomar conciencia da necesidade de facer políticas pensando tamén nos cidadáns pescadores, que os europarlamentarios españois empezan a facer valer o peso da pesca española en Europa, e que aparece es escena un sector pesqueiro galego cada vez máis proactivo e colaborativo, podemos pensar que as perspectivas da pesca galega poden e deben mellorar.

Pero para que todo isto non sexa un espellismo dependemos de moitos factores. Entre eles, que o propio sector aproveite este movemento para empurrar coa forza e unión que acreditou estes días en Bruxelas, o que, unido ao importante traballo que agora esta a realizar o Consello Galego de Pesca, actuando como un verdadeiro lobbi institucional, de seguro que nos debe traer diferentes políticas que asenten, por fin, o aínda importante sector pesqueiro que nos queda no noso país e, por suposto, que o aquí asinante asumirá sen xenreira o correspondente castigo.

Torcuato Teixeira é secretario da fundación FREMSS.