O concurso «Atrápame se podes» consolídase no mes de novembro

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Na primeira semana o programa bateu a súa marca cun 14 % de cota de pantalla

30 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O concurso Atrápame se podes continuou consolidando o seu éxito entre os espectadores de Galicia ao longo do mes de novembro. Durante a primeira semana do mes, o programa bateu a súa propia marca en canto á audiencia media desde a súa estrea en xuño ao alcanzar un 14 % de cota de pantalla. Fíxoo convertido no contido máis visto na súa franxa de emisión, entre as 22 e as 22.35 horas en TVG.

O espazo é, ademais, o programa non informativo máis visto de TVG case todos os días en que se emite, afianzándose por enriba dos 100.000 espectadores na maior parte das súas emisións e con frecuentes picos de audiencia de 200.000 espectadores, como ocorreu varios días durante a primeira quincena de novembro.

O éxito do programa no horario nocturno de máxima audiencia replícase tamén nas redifusións matinais, nas cales contribuíu a mellorar os datos da cadea nesta franxa. Destaca de modo especial o rexistro obtido o pasado mércores 24 de novembro, día en que a reposición acadou unha cota do 20,6 %, unha cifra que implica que un de cada cinco persoas que neses momentos vían a televisión escolleron o concurso presentado por Paco Lodeiro.

Atrápame se podes é un concurso de televisión que vai máis aló do clásico formato de preguntas e respostas, incorporando cuestións sobre o territorio, a cultura e a xeografía de Galicia mesturadas con grandes doses de humor.