TVG emite a partir das 22 horas unha nova entrega do concurso
06 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Come a comarca: As batallas, a maior competición gastronómica de Galicia, chega este mércores noite, ás 22 horas, á Televisión de Galicia cunha nova competición. O programa viaxa este mércores a Ourense para enfrontar a Verín e Trives, dúas terras ricas en carnes e froitos típicos do outono.
O presentador, Fran Cañotas, percorrerá os dous territorios na procura das súas mellores cociñeiras e cociñeiros, aqueles capaces de representar no programa todo o seu legado culinario. Este camiño do bo comer levarao na comarca verinesa a lugares como Terra de Baronceli, unha aposta pola agricultura orgánica en forma de marmeladas e patés de froita ou produtos de horta. Na Terra de Trives achegarase á cultura gandeira da man de Gandeiría Galupa, que conta con máis de 70 cabezas de gando de vacas limusinas con privilexiadas vistas á alta montaña.
Trives e Verín serán as novas comarcas que participarán en Come a comarca: As batallas, onde un total de dezaseis territorios galegos entran nunha competición vinculada coa súa gastronomía representados por equipos de cinco profesionais dos fogóns. Así loitarán por facerse co premio do programa: 5.000 euros que serán para quen acade a final e 15.000 que levarán os vencedores da final.
Unha vez recrutados os membros dos equipos chegarase a un enfrontamento no que só poderá quedar un equipo: o que mellor cociñe.
O equipo de Verín que pelexará esta noite estará liderado por Begoña Vázquez, do restaurante Regueiro da Cova (Verín), que vén co seu axudante Luis López. Completan o equipo José Luis Prieto, de O Retiro do Conde (Monterrei); Emilio Prieto, da Confitería La Primavera (Verín) e Óscar Arca.
O bando de Trives estará capitaneado por Anxo Fernández, do Hostal La Viuda (A Pobra de Trives), acompañado por Isabel Prada, da Casa do Agenor (A Pobra de Trives); Luisa Martínez, Berta Cereijo e Óscar Freire.
Todos eles terán que elaborar a contrarreloxo un menú composto por tres pratos a proposta dos xefes de salgados e doces do programa, Gerson Iglesias e Manuel Garea.
Pero non queda aí a cousa. Un xurado composto por quince expertos en gastronomía probará as elaboracións nunha cata a cegas e determinará sen trampa nin cartón cal é o sabor que máis lle gusta. Desde xeito se decidirá quen pasará á seguinte fase do programa.