Isabel Naveira e Xúlio Abonjo: «Nada remata ben en "Serramoura"»

O «thriller» máis lonxevo e máis visto de TVG chega esta noite ao seu final coa emisión do seu derradeiro capítulo


redacción / la voz

Serramoura despídese esta noite para sempre. Despois de seis anos, Televisión de Galicia emite, ás 22.30 horas, o capítulo final deste thriller, o máis lonxevo e o máis visto do canal. Un programa especial emitirase antes e despois do episodio coa presenza do elenco da serie e unha sorpresa para os seguidores dunha producción gañadora de catro premios Mestre Mateo. A actriz Isabel Naveira e o actor Xúlio Abonjo, Raquel Neira e Roi Quiroga na ficción, valoran o seu paso pola serie.

Pregunta. Seis anos despois, Serramoura chega ao final.

Xúlio Abonjo. Así é. Vívoo con certa pena, non o vou negar, porque a pesar de que entrei de último nesta historia acolléronme moi ben e dáme un pouco de mágoa. Non podo dicir que ten un final que acabe ben, pero todo remata como ten que rematar.

Isabel Naveira. Cada episodio que avanzaba ao final emocionábame máis e para min está claro que ten que rematar. Cando empezamos a serie pensaba que non iamos ter nin trinta episodios porque pensar nun thriller era facelo nun tipo de serie que pensaba que acabaría moi pronto, pero agora que xa levabamos 173 cheguei a pensar que non acabaría nunca. Serramoura converteuse na nosa casa. Estouno vivindo con sensación de perda [ri]. E despois quero engadir que a serie non remata ben [ri]. Nada remata ben en Serramoura [ri].

P. Roi Quiroga e Raquel Neira compartiron moitas tramas na serie. Como é traballar ao lado de Isabel e Xúlio?

X. A. Eu pola miña parte quero dar as grazas a Isa e ao resto de compañeiros de Serramoura. Raquel e Roi foron familia sempre. Está claro que para min entrar en Serramoura era un reto, porque era unha serie que xa estaba moi rodada, levaba moito tempo en emisión e os compañeiros xa se coñecían, polo que sempre é complicado chegar e pisar en firme. Tamén é certo que por cuestión de idade ou de táboas, cando chego á serie sempre me acollen como se fose da familia, tantos os compañeiros actores coma os técnico, polo que iso sempre o fai máis doado. Roi enseguida establece unha relación con Raquel, e saber que Isa está aí era un valor seguro.

I. N. Para min traballar con Xúlio era terreo totalmente coñecido. Coincidiramos moitas veces traballando xuntos e iso é fantástico. Incluso xa fixemos varias veces de parella. E ademais teño que dicir -porque co paso do tempo hai cousas que xa se poden dicir- que a proba de Xúlio Abonjo para Serramoura foi para enmarcar, deixoume abraiada [ri]. Ademais Xúlio ten moito mérito porque incorpórase a unha serie que leva moito tempo emitíndose, o fai cun personaxe protagonista, e rodar as secuencias do cuartel, a un ritmo moi alto, non é fácil. Ten moito mérito.

P. Se algo marca a traxectoria de Raquel e Roi é o sufrimento ao que están sometidos. Poden adiantar algo do seu desenlace?

X. A. Non podemos adiantar moito, pero do pouco que eu coñecín de Serramoura sei que sempre hai sufrimento para ter, dar e repartir.

I. N. Eu creo que Roi e Raquel souberon sacar o mellor dese sufrimento e apoiarse sempre, polo que espero que algo diso haxa no final ou non, porque en Serramoura nada se sabe.

P. Que supuxo para vostedes o paso por Serramoura?

I. N. Para min supuxo o paso á madurez absoluta na ficción. Raquel foi unha personaxe moi agradecida, porque está construída cos meus defectos e poder traballar durante tantos anos poñendo o peor de ti foi moi divertido. Algún como Miguel Borines ou Xúlio Abonjo tiveron que sufrir eses arrebatos [ri], pero creo que tamén divertímonos moito.

X. A. Eu digo que foi un reto. Esta cousa á que nos adicamos vai de retos. En cada novo proxecto tes que dar todo o que podes. No caso concreto de Roi era un garda civil moi preparado, infiltrábase en mafias... polo que non as tiña todas comigo.

P. Que recordo gardaran da serie?

X. A. Non sei como definilo. Foi unha serie que me tocou fondo e vouna gardar con moito cariño polo meu momento vital e a forma en que me acolleron todos os meus compañeiros que ao final, a pesar das particularidades deste traballo, é o que vale a pena.

I. N. Ao final son moitos anos e moitos recordos. Eu lévome xente, amigos que non tiña, e algún que xa tiña co que me reencontrei. Na serie houbo unha confluencia no primeiro momento de xente moi heteroxénea que foi alucinante. Como recordo, creo que me quedaría co momento no que lin quen era o asasino de Mónica Triáns. Agocheime no baño porque roubei un guión que non querían deixarnos ler [ri].

P. Por que razón ninguén pode perderse o capítulo final?

X. A. Se chegaron ata aquí, agora para o que queda, hai que seguir véndoa. Eu, como cheguei tarde, alucinei cos seguidores de Serramoura e coa interacción capítulo a capítulo, que é de agradecer. E engado, o final é a bomba.

I. N. Serramoura foi unha serie que durou moito e, evidentemente, houbo xente que desenganchouse. Eu pediríalle a todo o mundo que vise este último episodio e daríalles grazas a todos e cada un dos seguidores. Chegar ata aquí foi grazas ao público galego, que é moi agradecido. Creo que o que deberiamos facer é darlles máis ficción galega.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Isabel Naveira e Xúlio Abonjo: «Nada remata ben en "Serramoura"»