
Precisamos que se acabe a pandemia sanitaria, pero tamén a xurídica, e recuperar as liberdades do Estado de Dereito
14 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Vivimos unha situación sanitaria na que se adoptaron medidas excepcionais, influídas pola sorpresa e a inexperiencia. Debería ser incuestionable que esas disposicións terían que ditarse respectando as garantías do Estado de Dereito. Xa é un lugar común citar a novela 1984 de G. Orwell na que o protagonista traballaba no Ministerio da Verdade adaptando publicacións á realidade oficial e onde os cidadáns estaban vixiados en tódolos ámbitos. Cito esta obra porque fai uns días circulou un semi bulo, que non é certo aínda, dicindo que se instalou nos móbiles un dispositivo de vixilancia, -vaia a axustes e despois a Google, onde verá a opción «Notificación de exposicións ao Covid 19»-. Precisa unha aplicación que se desenvolveu mediante acordo con Telefónica.
Así que estamos a carón, estremando co Gran Irmán. Aí andamos, porque nos BOE do 28 de marzo aparece a Orde 297/2020 do Ministerio de Sanidade encomendando á Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial o desenvolvemento de sistemas de control dos cidadáns por xeolocalización a través do teléfono. E no de 5 de maio, publícase o convenio con Telefónica. Estas e outras medidas acordadas polo Goberno teñen a comparación máis clara coas adoptadas pola República Popular de China, mentres noutros países do noso ámbito respectáronse o principio de legalidade e moitos espazos da liberdade persoal. E iso que o artigo 18 da Constitución di que calquera inxerencia nos dereitos fundamentais á privacidade e ás comunicacións debe ser autorizada xudicialmente.
Esa simple orde dun ministro representa unha infracción dese artigo 18 porque mediante a aplicación informática poderanse obter datos privados e localizarase a cada individuo, coa escusa, ou sen ela, da prevención sanitaria. Situar a unha persoa polo seu teléfono xa é posible a través do sistema de telecomunicacións ou colocando balizas, pero, como se trata dunha inxerencia na liberdade de movementos, só pode ser decretada por un xuíz. Esta nova Orde busca dúas finalidades que, ata agora, necesitaban unha Lei Orgánica por afectar a dereitos fundamentais: conseguir a xeolocalización para ver se o usuario está onde declara estar (artigo un) e permitir o cruce de datos das operadoras telefónicas para vixiar a mobilidade das persoas (artigo dous). Son controis individuais e colectivos, sen lei que os ampare.
A Axencia Española de Protección de Datos publicou o estudio titulado «O uso das tecnoloxías na loita contra o covid-19» e conclúe que «a nosa sociedade tópase nun punto de inflexión crítico, non só debido á situación de pandemia, senón en relación co enfoque do modelo de dereitos e liberdades. Polo tanto, hai que ser especialmente coidadoso á hora de tomar medidas que poidan ter consecuencias irreversibles e poidan estar guiadas unicamente pola urxencia, o medo ou, o que é peor, outros intereses». Precisamos que se acabe a pandemia sanitaria, pero tamén a xurídica, recuperar as liberdades do Estado de Dereito e seguir afirmando que a novela de Orwell foi imaxinación literaria dunha ditadura, non unha premonición.