Nilo Mosquera: «Co covid-19 aceleramos moito o plan para a mellora das nosas consultas»

O servizo que dirixe no CHUS reinicia mañá a cirurxía maior ambulatoria e completa a nova normalidade


santiago / la voz

«O covid-19 axudou tamén a mudar e a mellorar, a ver as cousas de xeito diferente, a ter que facer plans de continxencia. Por sorte, o plan de continxencia do hospital, que estaba deseñado para moitas fases, quedou en menos da metade. Aquí non aconteceu unha situación de colapso como en Madrid», afirma Nilo Mosquera, xefe de anxioloxía e cirurxía vascular do CHUS. Neste servizo tratan desde problemas moi complexos, como tumores, aneurismas ou amputacións, con intervencións cirúrxicas en ocasións de varias horas, a outros moi frecuentes, aínda que de mais baixa complexidade, como son as varices, esclarece Mosquera.

«No noso servizo non paramos en ningún momento coa cirurxía de alta prioridade, e desde a semana pasada traballamos xa ao 100 % na cirurxía complexa. Na cirurxía maior ambulatoria comezamos de novo esta semana. Temos programado o primeiro quirófano o día 15, e ten unha serie de condicionantes que van facer máis difícil a súa normalización», admite Mosquera.

Explica que os dous últimos meses, por causa da crise do covid-19, «fixemos unha organización con medidas de emerxencia para poder responder a unha situación que se prevía catastrófica». Entre as que se tomaron en Santiago salienta as de «reducir a actividade cirúrxica e dar prioridade aos os casos máis graves e urxentes, como pacientes tumorais, isquemias ou aneurismas de gran tamaño, e en xeral os casos que non podían esperar pola súa maior gravidade. No noso servizo operamos todo o tempo, con moitas medidas de precaución. Reducimos as intervencións máis da metade nestes dous meses, e a actividade de consultas mudou tamén moito».

As consultas presenciais, tal e como estaban estruturadas antes, non cumprían coas medidas de prevención para controlar a actual situación, indica Mosquera. «O servizo traballaba no deseño dun plan para implicar máis á atención primaria e facer axendas máis dinámicas, con máis telemedicina, e co covid-19 aceleramos moito ese plan para a mellora das nosas consultas. Aínda así, houbo unha serie de doentes que tivemos que citar no hospital nestes dous meses, para os podermos avaliar ben. Contactamos un por un con todos os doentes que estaban citados, e tamén encamiñamos o traballo administrativo para que neste momento se poida dar un plan de desescalada da mellor maneira, o que comezou a semana pasada».

Dous especialistas do servizo, Fernández Noya e Isabel Serramito, estiveron moi implicados na organización do traballo para a recuperación da normalidade, «que nas consultas de cirurxía vascular comezou o 8 de maio, coas novas axendas», destaca Mosquera.

Nos últimos meses o servizo estreou nova tecnoloxía: «Necesitabamos aumentar moito a consulta de alta resolución. Iso favorece que os doentes veñan menos aos centros de saúde e permanezan en salas de espera, que se lles fagan probas no mesmo acto e saian da consulta cun plan terapéutico sen ter que volver ou ter que esperar un resultado. Incorporamos dous equipos modernos de ecografía Doppler para estas novas consultas».

Mosquera substitúe na xefatura de cirurxía vascular a Manuel Martínez, quen se xubilou hai algo máis dun ano. Cando asumiu o posto, a principios deste ano, o servizo tiña unha lista de espera recoñecida polo Sergas de 327 intervencións cirúrxicas, cunha espera media de 45,7 días (inferior á media do CHUS en case 11 días, aínda que 40 das operacións pendentes tiñan entre tres e seis meses de demora). E, así mesmo, 729 consultas en espera, cunha demora media de 42,9 días, superior en case catro á media do CHUS. Son cifras de demora que Mosquera considera «razoables. O servizo está agora moito mellor de persoal e de medios que cando eu me formei. O CHUS foi pioneiro en incorporar novas tecnoloxías para cirurxía complexa nos últimos anos: utilizamos técnicas endovasculares, menos agresivas para o doente, e que acurtan os tempos cirúrxicos», acrecenta Nilo Mosquera.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Nilo Mosquera: «Co covid-19 aceleramos moito o plan para a mellora das nosas consultas»