«Ferrol está afeito a resistir»

SOCIEDAD

JOSE PARDO

A responsable dos servizos sociais apela á capacidade da cidade para reporse a esta nova crise

05 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A crise do coronavirus colonizou toda a súa área, volcada en dar unha resposta ás situacións máis difíciles ante unha crise que, admite, lle quita o sono. Pero Eva Martínez Montero (Ferrol, 1975), concelleira ferrolá de Benestar Social, apela á traxectoria dunha cidade acostumada a resistir. Mentres tanto, recoñece o labor do seu equipo para pór ao dispor das familias máis vulnerables unha batería de recursos municipais para, defende, «non deixar a ninguén atrás».

-¿Que está a ser o máis difícil?.

-Buscar o equilibrio entre garantir unhas medidas de seguridade tan estritas e poder chegar ao maior número de familias en situación de vulnerabilidade. E poder facelo á maior brevidade posible. Do que se trata é de que non quede ninguén atrás, e iso a min me chega a quitar o sono, porque é posible que non sempre cheguemos a todo o mundo.

-¿A cantas persoas se está atendendo por esta pandemia?

-Non podería dar unha cifra exacta, porque cada día o número de persoas que se acollen a algún dos recursos en marcha por desgraza medra. Temos atendido arredor de catrocentas familias unicamente para os vales de comedor e necesidades básicas. É un dato significativo do que son as necesidades que ten a nosa cidade. A maiores, estarían usuarios de comedores sénior e familias que están atendidas por outras entidades coas que nós colaboramos. E as persoas que poden estar sen teito e acollidas polo Concello.

-¿Canto lle está a custar á súa concellería o coronavirus?

-Non sei se o quero saber, porque o único que imos tendo cuantificado son os vales; estas catrocentas familias cos vales correspondentes supuxeron un gasto de 85.000 euros. A isto lle temos que sumar os menús que se levan á casa dos comedores sénior, o gasto de persoas sen teito nunha pensión da cidade, o acondicionamento dalgunha parte da Casa do Mar, a carpa da praza de España... Ata o final non saberemos o que se vai gastar, pero xa adianto que vai ser practicamente toda a partida que nun orzamento estaría destinada para emerxencias sociais.

-¿E que pasará despois? ¿Está Ferrol preparado para facer fronte á inxente cantidade de recursos que serán necesarios para remontar a crise?

-Esta cuestión preocúpame moitísimo, o futuro é tan importante como o presente. A nosa preocupación non é só facer fronte ao presente, senón tamén ao escenario que se vislumbra no eido social, que para min é moi preocupante. Xa estamos vendo familias que están aflorando que agora están vendo mermados os recursos e converténdose en novos usuarios dos Servizos Sociais. Agárdannos uns meses moi duros no eido económico e social.

-¿Está pasando factura a situación ao persoal dos servizos sociais?

-As chamadas son infinitas e é moi duro estar toda a mañá escoitando a familias que están nunha situación desesperada. É unha cuestión que xera moitísimo estrés para o noso persoal, porque aínda que están acostumados, esta situación chega a sobrepasarnos. Quero recoñecer este traballo de todo o equipo de Benestar Social, porque están facendo un gran esforzo.

-¿Como se reporá desta crise unha cidade tan castigada polo envellecemento e o desemprego?

-Aínda que vai ser complicado e o pasaremos mal, hai unha cualidade que ten esta cidade que é ese resistiremos. Ferrol está afeito a resistir. Leva moitos anos loitando contra decisións que a teñen levado a unha crise permanente. E quero pensar que vai seguir resistindo. Sen querer ser utópica, porque si que vai ser complicado e nos imos resentir desta nova crise brutal, creo entre todos e todas levantaremos a cabeza e sairemos a flote.