O Arousa presenta un ERTE para catro dos seus cinco traballadores

A asesoría do club rexistrou onte a solicitude, que de ser aprobada polas autoridades de Traballo, será efectiva desde o inicio do estado de alarma


vilagarcía / la voz

A directiva do Arousa decidíu acollerse ás medidas que o goberno central español vén de anunciar nos últimos días para reducir as cargas económicas do conxunto das empresas, entidades e demais profesionais golpeados polas restricións recollidas no decreto do estado de alarma en vigor polo coronavirus COVID-19. Onte, a asesoría laboral do club vilagarcián presentou a solicitude dun Expediente de Regulamento Temporal de Emprego, comunmente coñecido como ERTE, para catro dos seus cinco asalariados; tres deles con funcións no primeiro equipo, e a encargada dos labores de lavandería. A administrativa do club quedaría á marxe do expediente, en tanto segue a poder desenvolver as atribucións do seu posto teletraballando.

O vicepresidente deportivo do Arousa, Rodrigo Lojo, explicaba onte que a medida se tomou logo de consultar coa asesoría do club cal era a mellor vía de actuación ante o que semella será un longo parón da competición, e coñecida esta semana a posición dos responsables das federacións española e galega de fútbol de estirar a tempada o que sexa preciso unha vez se supere a crise do coronavirus. Postura esta última que podería chegar a obrigar ao pagamento de entre unha e dúas mensualidades máis do recollido no presuposto da entidade a tres dos afectados pola medida, con contratos en vigor ata o 30 de maio.

O presidente do Arousa, Manolo Abalo, recalcou onte que «aforrar non imos aforrar nada», explicando que o diñeiro que deixaría de desembolsar a sociedade, que non empresa, deportiva durante a duración do ERTE será o que sufrague a prórroga dos contratos tras o reinicio dunha competición que mesmo podería concluír en xullo. Mentres, será a Seguridade Social a que lles pague aos asalariados, que recuperarán os seus postos e condicións presentes en canto remate o ERTE.

Con todo, puntualizou Rodrigo Lojo, o Arousa queda pendente de que as autoridades de Traballo dean o seu visto bo, debendo presentar antes unha documentación que teñen que asinar os traballadores afectados, e da que o club non disporá a lo menos ata mediados da vindeira semana, dada a saturación provocada pola avalancha de ERTEs presentados polo tecido empresarial do país. De ser aprobado, o expediente do Arousa sería efectivo desde o día da entrada en vigor do estado de alarma, e estenderáse en función da evolución da crise do COVID-19.

«Todos os xogadores están ben e moi, moi, moi tranquilos»

«Agora pola tarde -por onte- acabo de falar con todos e cada un dos xogadores. Ningún ten síntomas. Todos están moi, moi, moi tranquilos, en perfecto estado de saúde». O vicepresidente deportivo do Arousa, Rodrigo Lojo, púxose onte en contacto coa totalidade do cadro de futbolistas do primeiro equipo arlequinado. Fíxoo un día despois de que Yelco Alfaya, dianteiro do Bergantiños e da selección galega de fútbol afeccionado, fixera público a través das súas contas en redes sociais o seu positivo no test de detección do coronavirus COVID-19.

Un positivo que puxo en alerta os xogadores do Arousa, por canto dous desles, Adrián Gómez e Alberto Trapero, conviviran con Yelco Alfaya durante tres días a comezos da semana pasada no complexo deportivo da Federación Española en Las Rozas, Madrid, cos integrantes da selección galega interactuando sen ningún tipo de restricións nin medidas de precaución sanitaria durante as semifinais e final da fase final española da Copa das Rexións Uefa. Un día despois de volver de Madrid, Adrián e Trapero adestráronse, tamén sen restricións, cos seus compañeiros do Arousa na última sesión de traballo do equipo vilagarcián antes de suspender os seus adestramentos. O xoves Lojo contactara co corpo técnico de Rafa Sáez: «Todos están perfectos».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

O Arousa presenta un ERTE para catro dos seus cinco traballadores