Fran Lareu: «Ramiro é coma un can adestrado e a súa única ocupación é chegar ao máis alto»

h. r. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Sabela Peinado

O actor encarna ao enigmático Ramiro no «thriller» portuario «A Estiba», que se emite os domingos no horario de máxima audiencia de TVG

16 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Durante un descanso na súa intensa xira teatral con O meu mundo non é deste reino de Teatro da Ramboia; Crónicas do paraíso, de Sarabela Teatro, e Animal Sagrado, de Aporía Escénica, Fran Lareu fala do enigmático Ramiro, o seu personaxe no thriller A Estiba, que se emite cada domingo no prime time de TVG.

-Que pode contar de Ramiro?

-Ramiro é un personaxe moi peculiar. Ten un pasado escuro inmerso baixo a influencia de Emilio Fortes. É un personaxe que ten máis caras das que se poden ver nun principio. Ten moitas arestas e moitos recunchos que como actor son moi interesantes de explorar. Penso que conseguimos reflectir todas esas caras que ten, aínda que a que pesa é a máis escura. Penso que non tardaremos en descubrir a un Ramiro un pouco máis amable. Ao fin ao cabo é un ser humano [ri].

-O subinspector é un dos personaxes máis escuros de «A Estiba». Como se enfronta a el?

-Cando comezamos a preparar a personaxe de Ramiro, falando co director da serie e co equipo de guión, contábanme por onde ía a trama e o que tiñan previsto para el. Tiñamos unha liña moi clara debuxada para Ramiro e se, por exemplo, vemos o primeiro episodio outra vez, veríamos detalles desas dúas facetas que ten Ramiro, tanto o lado escuro como o que ten máis alá.

-Por que Ramiro é un personaxe, aparentemente, tan frío?

-A falla de empatía responde a unha falta importante de referentes que acheguen un lado máis humano. Emilio Fortes é como un pai pero non é un pai. É o seu referente, pero non é o máis idóneo para el. Hai un punto co que non acaba de sentirse cómodo e que intenta romper e ir máis alá.

-En «A Estiba» Ramiro é o brazo executor de Emilio Fortes. A que se debe esa lealdade absoluta?

-Ramiro é coma un can adestrado e a súa única ocupación é chegar ao máis alto. Por iso confía en Emilio Fortes e por iso é o seu referente. Pero no momento no que cruza unha liña vermella comeza a dubidar. Xa se contou que Ramiro non se desfixo do disco duro que contén unha gravación perigosa para Emilio. Ten un ás baixo a manga e non se sabe que é o que vai pasar con el.

-Despois de facer auténticas barbaridades, Ramiro buscará a redención en «A Estiba»?

-Pode ser. Ramiro ten ese punto de conexión cunha parte de Ardora que está representada por Miguel (que interpreta Fernando Dacosta) que é un confesor de moitos personaxes da serie. Sabemos que tivo problemas co xogo e que intenta axudar á xente que foi como el para que se afasten desde camiño. Por iso creo que hai un punto de redención e que intenta ir cara ese lado. Pero para saber se o consigue ou non haberá que ver os episodios [rí].

-Agora tamén está de xira con «O meu mundo non é deste reino», de Teatro da Ramboia. De que trata esta montaxe?

-Con este espectáculo resultamos gañadores do primeiro certame Manuel María de proxectos teatrais. É unha montaxe que dirixe María Peinado no que comparto escena con Anxo García e está baseado na Farsa de Bululú, de Manuela María, que foi censurada durante a ditadura franquista. A peza é unha comedia en ton de farsa que fala dos totalitarismo europeos. Son temas de moita actualidade que está ben levar a escena. A vindeira semana estaremos en Sada, o 29 en A Coruña, e despois en Ortigueira e Riveira, e o ano que ven teremos máis datas.