«O personaxe de Iván é un dos máis completos que fixen»

h. r. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Nacho Castaño, en «Serramoura»
Nacho Castaño, en «Serramoura»

Nacho Castaño debuta esta noite (a partir das 22.20 horas) en «Serramoura» no papel dun aristócrata que agocha moitos segredos

12 may 2019 . Actualizado a las 09:59 h.

O actor Nacho Castaño incorpórase ao reparto do thriller Serramoura no novo episodio que esta noite emite Televisión de Galicia a partir das 22.20 horas.

-Había ganas de estar en «Serramoura»?

-A verdade é que tiña moitas ganas de participar na serie porque na miña casa vense todos os episodios e ademais Serramoura xa é un clásico da Televisión de Galicia.

-Que atoparán os espectadores no episodio desta noite?

-Creo que van atopar unha trama moi interesante, porque vai haber unha desaparición, algo de misterio e intriga, un escenario espectacular, temas de amor e desamor, traizón... En fin, que este episodio vai ser moi atractivo para os espectadores.

-A súa incorporación como Iván é un dos pratos fortes do episodio. Que pode adiantar deste personaxe?

-Para min o personaxe de Iván é un dos máis completos que fixen en televisión. De entrada, é o primeiro que interpreto que é pai. E despois, aínda que non podo desvelar moito, é un personaxe moi completo que atravesa por moitos estados de ánimo diferentes e conta con moitos segredos agochados que o enriquecen moito.

-Iván pertence a unha familia de gran avoengo en Serramoura que estará no centro dunha investigación da Garda Civil. Como van enfrontar o caso os sarxentos?

-O tenente Penedo vaino afrontar desde a súa experiencia, sabe que hai que desconfiar, pero sempre dando o beneficio da dúbida. O sarxento Roi Quiroga sentirá certa empatía polo meu personaxe, e Marga vai ser a que peor o leve porque involucrarase no caso.

-Todos os personaxes que pasan por «Serramoura» agochan sempre algo. Tamén é así no caso de Iván?

-Especialmente por iso o personaxe de Iván é tan atractivo. Ten como unha especie de dobre cara que leva moito tempo agochada, pero non o fai por gusto. Faino porque non lle queda outra. Está nunha situación límite que iremos descubrindo nestes seis episodios. Esta trama vai ser moi interesante (ri).

-Iván supuxo algún reto desde o punto de vista da interpretación?

-Si que supuxo un reto. A pesar de ser un aristócrata cunha educación moi estrita, ten unha parte máis canalla. Tamén ten unha forma moi particular de achegarse ao resto dos personaxes que interveñen na súa trama como coa súa filla ou cos sarxentos da Garda Civil.

-Como cre que será a acollida de Iván polos espectadores de «Serramoura»?

-Iso si que é difícil de saber, pero confío en que boa [ri]. O problema de Iván é esa dobre cara que ten, e co seu inicio de trama tampouco axuda, polo que digamos que vai condicionar que a súa acollida sexa irregular. O bo é que ao longo dos episodios verase o seu lado humano e que a súa forma de actuar sempre vai estar condicionada polo que ten que ocultar.

Marga e Roi, fronte a un novo caso

Unha nova investigación comeza no capítulo desta moite (TVG, 22.20 horas) no cuartel de Serramoura que, nesta ocasión, afecta a unha das familias menos coñecidas. Trátase dos Osorio, o clan con máis avoengo da vila e que non é habitual que se mesturen cos demais habitantes. Pero a traxedia salpicounos coa desaparición de Míriam de la Torre, muller do actual herdeiro. Consciente do interese que suscitará este caso, Tomás non tarda en encargar a Marga e Roi que se ocupen da investigación para aclarar o acontecido.