Daniel Romero, o enlace da guerrilla

SOCIEDAD

MARCOS MÍGUEZ

Traballou cos fuxidos nas fragas do Eume e estivo na cárcere, polo que perdeu o traballo en Astano. É un dos protagonistas dunha homenaxe a aqueles loitadores

12 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Estivo na prisión provincial da Coruña durante case tres anos: «Desde 1948, cando mataron a todo o mundo...». Foi detido en Fene, «estaba na cama», e levado ao cárcere, lembraba onte Daniel Romero López (Fene, 1923). É un dos participantes nos actos de Homenaxe á guerrilla. Soldados da República que terán lugar desde hoxe ata o venres na Coruña. As actividades están organizadas pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, que escolleu como republicano de honra deste ano a Camilo de Dios (Sandiás, Ourense, 1933). «Comezou como enlace da guerrilla dende rapaz, ás veces como tapadeira da súa nai, viúva dende 1945», salientan os organizadores. «Vou para 93 anos, quedan poucos que estiveran ligados ás guerrillas», apuntaba Daniel Romero, «nacido e criado en Fene», na presentación das actividades.

-¿Onde servía de enlace?

-Sobre todo polas fragas do Eume, onde estaban os guerrilleiros. Outros estaban en Fene, en Mugardos. A 22 embarqueinos para Francia no porto de Vicedo. Eu tamén ía marchar, pero a última hora desistín por culpa da moza; daquela pensei que non había máis que ela.

-¿E que foi daquela moza?

-Casei con ela. Morreu vai facer agora catro anos. Ela tamén era colaboradora.

-¿Que infraestrutura tiñan os fuxidos?

-Ao principio tiñan cabanas no monte, pero cando empezaron a queimar os montes tiveron que fuxir e andar refuxiándose nas casas particulares.

-¿Que armas levaban?

-Tiñan de moitos tipos, máis ben antigas, excepto Paco Barcia, que tiña unha pistola ametralladora. Este era un home de Fene e estivo once anos no monte, o que máis tempo estivo. Despois foi dos que marchou a Francia, e logo retornou.

-¿Vostede tiña armas?

-Nunca andei con elas. O que facía era ir a recollelas e levalas. Era só enlace, que era algo moi importante. As veces pasaba a xente da ría de Pontedeume á de Ferrol, a remos, nun bote.

-¿Como ve o que se está facendo coa memoria histórica?

-Falta moito, porque se contan moitas mentiras e iso sácame de quicio. Eu estou escribindo agora aquilo no que participei, o que coñezo, a verdade, porque non estou para odiseas, nin estaba daquela.

-¿Que escribe?

-Estou acabando un libro das últimas historias. Levo moitos anos, o que pasa é que a cabeza empezou a funcionar mal e deixeino uns anos. Agora estame axudando un home de Ferrol ao que lle mataron o pai, era compañeiro meu en Astano.

-¿Traballou en Astano?

-Desde o ano 1941 ao 48.

-¿Ata que o prenderon?

-Si. Despois xa non me quixeron máis, e vin traballar aquí, na Coruña, á metalúrxica Precisión Mecánica. Eran uns talleres do cónsul francés na cidade, Alejandro Sierra, e de Edelmiro Rodríguez. Foron os que me quixeron porque esixían certificado de boa conduta. ¿E quen o conseguía? Ao cónsul xa o coñecía de Astano, porque tamén estivera traballando alí. Cheguei á Coruña con 30 pesos prestados, para pagar unha habitación na avenida de Finisterre. Tamén estiven nunha compañía de barcos, que era do Banco Pastor, Industrias Gallegas.

-¿Vostede era mecánico?

-Era torneiro mecánico. Despois funme situando e estiven moitos anos nos talleres de Wonenburger, 27 anos.

-¿Na fundición?

-Chamábanlle a fundición, pero alí facíase de todo, desde fundición hasta mecanizado de pezas. Eu era o encargado xeral e había un encargado en cada sección do taller.

-¿Canta xente traballaba?

-Máis de 200 persoas.