«Carson é a nai do ecoloxismo»

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDAD

SANDRA ALONSO

O exreitor di que hoxe está máis vixente se cabe a frase de que a humanidade acabará destruíndo a Terra

30 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Exreitor da USC e catedrático de Enxeñaría Química, Juan Casares Long (A Coruña, 1950), acaba de traducir ao galego Primavera silenciosa, unha obra de 1962 de Rachel Carson que se converteu nun punto de inflexión no xeito de xestionar os recursos naturais. Un libro, di Casares, moi vixente hoxe en día.

-¿Por que traducir este libro?

-Dende hai tempo teño a teima de poñer en valor no contorno máis próximo unha figura como a de Rachel Carson. Na universidade sempre pedía que fose un dos libros de lectura para os alumnos, e atopei que a tradución que usaba no castelán de Silence spring era un auténtico disparate.

-¿Ten o recoñecemento que merece a nivel internacional?

-É unha referencia obrigada. Existen centros de investigación Rachel Carson en Europa e Estados Unidos, e está traducida a todos os idiomas que se poidan imaxinar. É unha referencia porque se considera que con esta obra conciencia á sociedade para que comece a poñer en valor a natureza non so no sentido da paisaxe, senón nesa outra parte da vida que é fundamental para nós. De repente fixo á sociedade consciente de que estamos a afectar gravemente a xestión dos recursos naturais, non cuestiona que a humanidade teña dereito a xestionar recursos, o que cuestiona gravemente é a capacidade de facelo.

-¿A nivel de quen se pode situar?

-Considérase que é quen xera o movemento ecoloxista, diría que é a nai do ecoloxismo, a figura adoptada por todo o mundo para dicir que a actividade humana está comprometer a trama da vida sobre a terra.

-Rachel Carson tivo oposición ao seu libro mesmo antes de saír, ¿por parte de que sectores?

-Fundamentalmente por intereses económicos. Despois da Segunda Guerra Mundial foi o gran despegue económico dos Estados Unidos, e sobre todo do sector agrícola. Conséguese esa grande produtividade coa eliminación entre comiñas das pragas a través da utilización de produtos químicos que dalgún xeito nacen asociados cos produtos desenvolvidos nas guerras mundiais. Esta escritora explica e denuncia que estes compostos que se acumulan na materia graxa producen mutacións que provocan a medio e longo prazo cáncer.

-Pero máis de 50 anos despois os pesticidas seguen existindo.

-Si, e o libro, hoxe en día, segue a ser unha patente realidade. Ela denuncia unha serie de compostos, o máis referente nesa época o DDT, e consegue que nun prazo de quince anos practicamente desaparezan. Levanta tal movemento en contra que os Estados deciden comezar a retiralos. Da ducia de compostos que aparecen no seu libro todos foron declarados perigosos para os humanos, ela denuncia que son canceríxenos e resulta que a OMS, 50 anos despois, declara o lindano canceríxeno, e o DDT probablemente canceríxeno, cando ela o denunciou 50 anos antes. A OMS é moi conservadora, cando hai uns meses houbo unha trifulca sobre as carnes roxas é que lles saen os datos por todos os lados. Ou se cre aos científicos, ou se cre á industria.

-No libro dise que a humanidade acabará destruíndo a Terra, ¿é unha afirmación vixente?

-Absolutamente vixente, máis se cabe.

-Proponse que se controlen as pragas con inimigos naturais en lugar de pesticidas, ¿é posible?

-Sería o máis natural. Os peores inimigos dos insectos son os propios insectos, porque o seguinte problema que recolle o libro é que os insectos que conforman as pragas nun pequeno prazo de tempo xa se fan resistentes aos insecticidas.