Xabier Labandeira: «Gustaríame outro acordo en París, pero é o mellor ao que se pode chegar»
SOCIEDAD
O catedrático e ex membro do Panel do Cambio Climático asegura que o mundo debe «iniciar xa» a transición para prescindir do petróleo e o carbón
15 dic 2015 . Actualizado a las 07:28 h.«Temos que iniciar xa a transición cara a descarbonización do planeta». Xabier Labandeira Villot, catedrático de Economía da Universidade de Vigo entende que esta é unha das lecturas que deixo o histórico acordo de París contra o cambio climático. Labandeira, que foi membro do Panel International de Cambio Climático (IPCC) e que tamén é catedrático no Instituto Universitario de Florencia, onde dirixe a Florence School of Regulation-Climate, participou como ponente no cumio internacional.
-Para uns, o pacto de París é histórico e para outros unha oportunidade perdida para salvar o clima. ¿Que pensa vostede?
-Eu, particularmente, son optimista co resultado. Gustaríame que houbera outro tipo de acordo, pero penso que este é o mellor ao que se podía chegar, porque estamos ante un tema moi, moi complexo que involucra a todo os países do mundo.
-¿Por qué é tan difícil?
-Porque hai que poñer de acordo a todos os países do mundo, con intereses contrapostos entre eles e porque estamos a falar de controlar efectos do cambio climático que non se verán ata medio ou largo prazo.
-¿É crible un pacto no que o obxectivo xeral é vinculante, pero no que as metas de redución de emisións son voluntarias?
-O acordo inclúe dúas cuestións que son moi importantes. Unha é a verificación do cumprimento dos compromisos de redución de gases e a transparencia á hora de ofrecer esta información. Os países deben ir respondendo do que fan, e o mundo vai a velo. A outra é a flexibilidade, que permite que estes compromisos se revisen a alza. O proceso de verificación é obrigatorio e a flexibilidade é a que vai permitir que se cumpran e amplíen os obxectivos baixo a presión internacional.
-¿Xa, pero que pode animar aos países a esforzarse por reducir as súas emisións?
-É cuestión de poñerse a traballar, porque penso que os países en desenrolo vanse dar conta de que é realmente fácil conseguir os obxectivos e que as veces incluso lle vai resultar máis económico facelo. Entrar nesta dinámicas é o que lles vai permitir ir a por metas máis ambiciosas. Isto foi que se fixo en Europa, onde se viu que non era tan complexo e que se podían facer políticas que funcionen.
-¿É Europa o exemplo?
-Podería ser. Moitas veces é so empezar a traballar.
-Do acordo desapareceron as referencias á unha redución global de emisións nun prazo determinado. Isto non parece incentivar o cumprimento.
-É certo que esta vaguedade é un dos puntos débiles. Pero tamén é certo que no acordo introduciuse tamén o límite dos 1,5 grados de aumento de temperatura de cara a fin de século con respecto aos niveis preindustrais, que vai ser moi difícil de conseguir. Confío en que as contribucións voluntarias se vaian renovando a alza.
-Non falta quen di que o pacto suporá o fin do actual modelo enerxético baseado nas enerxías renovables. ¿Tamén o pensa?
-Debería ser así. Os países desenrolados deben ir reducindo progresivamente o uso dos seus combustibles fósiles, o que implica que o carbón e o petróleo hai que deixalos baixo terra, a non ser que se atopen tecnoloxías eficaces de captura e almacenamento de carbono. É o que di o pacto.
-Pero non parece fácil
-Non vai ser fácil porque estamos enganchados as enerxías fósiles e porque hai países produtores que dependen delas para as súas economías, e porque tamén hai moitas empresas para as que é o seu negocio. Ten que ser un proceso gradual e xestionado de forma intelixente.
-Sí, pero ¿é posible?
-Ten que ser posible e temos máis de 30 anos para conseguilo. Europa e outros Estados desenrolados teñen que desenrolar tecnoloxías renovables que sexan máis eficaces e baratas e que poidan ser replicadas noutros países. Pero a transición enerxética para lograr a descarbonización do planeta ten que empezar a facerse xa, non se pode esperar. O que agora teñen que facer os Estados é levar o acordo as súas políticas nacionais para poder desenvolvelo.