Un mal touro

josé manuel fernández gonzález VIGO

SOCIEDAD

De neno, no ano 1943, tiven que emigrar de Pamplona, por ser meu pai un home íntegro dos pés á cabeza; desde entón unha amargura sempre acompañou a miña vida. Logo dun tempo moceando, casei coa mellor muller do mundo, que sempre encheu a miña vida de ilusión e esperanzas.

Os meus ollos pecháronse á luz cando finou e, coma un resorte, eu esvaecinme; a miña saúde caeu en picado; eu cría que era a miña profunda tristeza que causaba amar así. Estiven moi perdido e sen forzas para case manterme en pé.

Todos aqueles médicos que antes trataron de curar a miña muller, agora visitábanme a min, creo que por caridade. Non pararon de facerme probas, pero eu sabía que todas as miñas lembranzas de vida marcharan con ela e non volverían.

Cando volvín do hospital, as miñas fillas insistiron moito en que deberiamos ir aos San Fermíns, pois sabían da miña morriña e da miña afección de neno. Os San Fermíns eran para min unha escola, un conxunto de emocións e sentimentos atopados, un paralelismo entre correr perseguido por touros e tamén polos avatares da vida.

Un presaxio cruzou a miña mente: quizais este San Fermín sería o meu último recordo e non andei descamiñado, xa que me pillou un touro desprevido, máis perverso e poderoso que un Miura, arrastrándome cara as tebras, converténdose nun lastre e na miña condena. Chegou ata min sen facer ruído, sen tapar o sol nin quitar alentos ou deixar feridos, sen alzar a súa cornamenta e sen ser visto. Foise achegando sen meter medo e sen deixar ver o seu rostro maldito.

Entrou en min e, sen decatarme, rouboume o presente e o pasado, a herdanza dos meus pais e o futuro das miñas fillas. Escornoume tan sutilmente que non fun consciente de que a luz e o sol se ían perdendo entre ausencias que suspiran.

Deixei de ser eu para me converter en baleiro, nun ser sen alma e cun corpo vencido. Un pesadelo que me borrou os meus soños e toda a miña esencia, demo sen sentido, impregnando todo o meu corpo e a miña alma da súa forza e do seu poder maldito.

Alzhéimer, touro maldito, por que fun eu o teu elixido?