Reclaman mellor formación para atender a diversidade nos colexios, pois «poucos docentes entenden aos nosos fillos»
03 jun 2013 . Actualizado a las 14:29 h.«As persoas disléxicas teñen dificultade coa lecto-escritura e onde primeiro se nota é no colexio», afirma Carmela Díaz, presidenta da Asociación Galega de Dislexia (Agadix). Comezaron no ano 2006 e hoxe son un cento de pais e nais, que colaboran «porque vemos como nos colexios non entenden o problema dos nosos fillos», afirma.
-¿Como é a situación?
-Moitos colexios din que non teñen casos, porque a maioría dos disléxicos están nas aulas sen diagnosticar. Pensan que é un problema que se cura; cando é permanente. Un disléxico vai ler se onde pon es; só se dá conta ao seguir lendo, ou ao escoitar; na grafía inverten letras, e polo método escrito non contan nin o 25 % do que saben.
-¿Como pensan que se pode solucionar o problema?
-Reclamamos outra metodoloxía na escola. Se toda a información no sistema educativo se basea en ler e en escribir, as áreas onde teñen máis dificultades, é moi difícil. Por iso é importante que se diagnostiquen ben as súas áreas afectadas e se responda ás súas necesidades.
-¿Que metodoloxías propoñen?
-As persoas disléxicas poden ter tamén dificultades coa memoria a corto prazo, para reter varias ordes que lle dan ao mesmo tempo. Necesitan outros sistemas, como audiovisuais ou multisensoriais, que servirían para todo o mundo, para dar resposta á diversidade que ten a escola. Para iso hai que formar ben ao profesorado. Os pais temos unha tarefa moi importante en pedir que a educación dos nosos fillos sexa a adecuada.
-Ben se ve que teñen moitas queixas dos docentes...
-É que poucos docentes entenden aos nosos fillos. Cada profesor na súa aula é o rei, e se pensa que non ten por que facer probas orais, non as fai; sen lle importar que este alumnado pola fórmula escrita non chegue aos obxectivos. Hai docentes que si entenden a situación e traballan ben; aínda que moitas veces non pasan a información ao profesor do curso seguinte.
-¿E os orientadores non interveñen?
-Na asociación temos chamadas de orientadores que teñen dificultades co alumnado disléxico. Moitas veces os diagnósticos son externos, de especialistas en psicoloxía ou neuroloxía, e nos centros non os aceptan ben ou mesmo os discuten.