Informe de capacidades educativas

Fran Alonso

SOCIEDAD

21 ago 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Este informe sobre capacidades educativas refírese á unidade familiar formada por Alfredo Baz López e Berta Fernández Silva -sobre os que xa existe un informe psicosocial anterior ao que este tamén se remite-, proxenitores dos xemelgos Pixie e Dixie Baz Fernández.

A través del constátase a incapacidade dese grupo humano, a todos os efectos responsable, para construír un escenario educativo axeitado que favoreza o desenvolvemento social e formativo dos fillos, Pixie e Dixie Baz Fernández, por carecer dun contorno familiar, o das persoas obxecto do informe, que cumpra as condicións mínimas de apoio no proceso educativo e de aprendizaxe dos nenos sobre os que os Servizos Sociais demandan protección. O desenvolvemento psicoeducativo dos menores vese claramente minorizado e coutado en todos os seus niveis de actuación, tanto familiar como escolar, así como no procedemento de ordenación e selección dunha pedagoxía ética familiar e na escolla e recondución dos comportamentos.

No que se refire ao contorno estritamente doméstico, os nenos son vítimas da carencia dunha educación positiva en valores e sofren as consecuencias dun ritmo de vida desordenado e azaroso, alleo ás necesarias rutinas que requiren esas idades. Os nenos padecen moi a miúdo un réxime de enclaustramento durante o que permanecen literalmente pechados na vivenda familiar, sita na rúa Espedrigada, na maior parte dos casos sen ningún adulto que os acompañe, tal e como certifican as diversas declaracións da veciñanza.

A maiores, os xemelgos pasan longas e frecuentes tempadas na casa da súa avoa materna, na vila da Guarda, por veces na compaña da súa nai e outras unicamente na compaña da avoa, abandonando durante ese tempo a escolarización obrigatoria.

Corrobórase así mesmo que no seo familiar non existe, non xa ningún tipo de estimulación dos menores, senón nin sequera a necesaria calidez emocional que os guíe civicamente e poña límites aos seus comportamentos, tal e como se indicou. Pola contra, a actitude paterna, constatadamente violenta, pon en evidencia unha relación sobre a que os veciños teñen manifestado múltiples queixas, pois acaba incidindo fóra do propio domicilio dos aludidos. Confírmase, xa que logo, a incapacidade tanto do pai como da nai para controlar os seus impulsos e emocións, moi notablemente en situacións de estrés, que se producen rutineiramente na vivenda. En consecuencia, os xemelgos adoecen dunha falta grave de autoestima e de confianza en si mesmos, así como de pautas de comportamento na relación cos demais.

No que respecta aos hábitos de hixiene, evidénciase un absoluto abandono familiar con respecto aos menores, aos que non se lles inculca a necesidade de manter hábitos saudables, tanto con respecto á limpeza corporal como á alimentación. Tampouco existe constancia dun control periódico da saúde dos nenos.

No referido ao ámbito escolar, prodúcense continuas denuncias da dirección do centro docente ao que asisten a causa do seu reiterado absentismo, a causa da súa falta de hixiene e a causa da incapacidade constatada dos xemelgos para convivir pacificamente cos seus compañeiros. Pedagoxicamente, mostran, por desatención, habilidades e capacidades moi inferiores á media e vense implicados en continuos conflitos interpersoais no propio recinto escolar. A súa actitude á hora de afrontar a vida e as relacións persoais denota, en palabras da orientadora do centro, a necesidade de que os Servizos Sociais interveñan para buscar solucións que o ámbito escolar non pode ofrecer.