A entidade celebrou onte o seu acto fundacional no Ribeiro co obxectivo de defender a lingua e fortalecer alianzas
08 jul 2012 . Actualizado a las 07:00 h.Levan tempo defendendo o viño galego e agora promoverán tamén o galego no viño. A Irmandade Galega de Adegueiros, que reúne a 34 empresas do sector que xa etiquetan os seus produtos no idioma da terra, celebrou onte o seu acto fundacional no futuro Museo do Viño que albergará a antiga casa reitoral de Santo André, no concello ourensán de Ribadavia. Alí leuse a que se deu en chamar Declaración de Santo André, que fixa a necesidade de promover o uso do galego no etiquetado do viño.
Búscase, segundo recolle o documento presentado onte en sociedade, «a posta en valor da identidade como elemento diferenciador», unha estratexia comunicativa «que marca a diferenza nos mercados». Antes da lectura da declaración tomou a palabra Xosé González, presidente do Foro Enrique Peinador, unha entidade que promove desde o ano 2006 a xeneralización da lingua galega no ámbito empresarial. El dixo que a crise está provocando a «desertización» do rural, pero sinalou que «a economía agraria pode resistir se as masas de consumidores cambian os seus hábitos». Por ese motivo, un dos obxectivos da Irmandade é integrar nela tamén ás empresas distribuidoras e comercializadoras. De feito, onte estiveron presentes no acto representantes de Vegalsa-Eroski ou Gadisa así como firmas elaboradoras de outro tipo de produtos agroalimentarios, como Cárnicas Fontefría ou Cervexa Alaricana.
Ademais, a entidade nomeou onte a cinco Irmandiños de honra: Federación Galega de Turismo Rural, o exportador Feng Jiang, asociación de sumilleres Gallaecia, Asociación Galega de Catadores, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional e Antón Reixa. O artista e presidente da SGAE definiu o acto de onte como «unha festa hedonista e da autoestima» porque une «dous inmensos praceres, o viño de Galicia e o idioma de Galicia». Menos poéticos, os irmandiños fundadores destacaban, ao ser preguntados por esta iniciativa, a unión que promove no sector e as oportunidades económicas que iso supón. «A competencia non é entre nós, se non co resto do mundo», sentenciou Enrique Costas, director xeral de Terras Gauda.