«Moitas veces, cando chegan ao centro xa é demasiado tarde»

A médica compostelá Ana Arceo, cooperante de Médicos Sen Fronteiras, recorda a situación dos desprazados somalís mentres en Xenebra se celebra o 60.º aniversario de Acnur


redacción / la voz

Está afeita a situación complexas. Ana Arceo traballou en saúde básica en Angola, nunha epidemia de cólera en Etiopía e coas vítimas do terremoto en Haití. Agora, esta médica compostelá coordina as actividades sanitarias de Médicos Sen Fronteiras (MSF) en Kobe, en Etiopía, nun campo de refuxiados somalís onde se atende a case 26.000 persoas. E as que poden ir chegando aínda. «Os outros dous campos xa están pechados, con 37.581 e 39.833 habitantes», relata por correo electrónico nestes días, que en Xenebra se celebra o 60.º aniversario da organización da ONU para os refuxiados, Acnur.

-¿Cal é a situación nese campo de refuxiados?

-O noso día a día é duro e intenso. O contexto é moi complicado. Traballamos no medio do deserto cunha poboación que está a fuxir do seu pais, que na maioría dos casos perdeuno todo e chega en moi mala condición de saúde, sen cobertura sanitaria algunha, e que agora malvive sen apenas auga e comida. Ademais, enfrontámonos a moitos problemas relacionados coa diferenza cultural, idiomática, relixiosa? Por exemplo, a medicina tradicional está moi arraigada, é o primeiro tratamento que buscan, e moitas veces, cando chegan ao centro de saúde, xa é demasiado tarde.

-¿E que fan desde MSF?

-Inicialmente, diminuír a mortalidade, e unha vez pasada a fase de emerxencia, mellorar a calidade dos servizos. En Kobe estamos reconstruíndo o centro de saúde, aumentando a súa capacidade, sobre todo en maternidade, partos e hospitalización. Ademais, abrimos un novo centro para desnutridos severos, con capacidade para 60 nenos e un plan de saúde mental.

-¿Xa pasou o peor da crise humana na zona?

-Superamos a fase crítica da emerxencia, onde vivimos unha verdadeira catástrofe humana con indicadores de mortalidade dificilmente superables, sobre todo pola desnutrición e o sarampelo. Unha vez establecidos o programa nutricional e unha campaña de vacinación nos nenos, podemos dicir que a situación mellorou moito. Nestes momentos, podemos dicir que mellora mes a mes. Pero estamos alerta ante a posible chegada de novas epidemias como a cólera ou a meninxite.

-¿Que é o que máis se precisa agora?

-As necesidades seguen sendo as mesmas. Falamos de milleiros de persoas malvivindo en campos de refuxiados fóra do seu país. Necesítase solucionar as causas que xeran esta situación para que esta xente recupere de novo a súa dignidade.

-As novas que chegan da situación dos nenos non son nada optimistas...

-Temos constancia de que hai moitos nenos orfos, pero é necesario facer un estudo para coñecer as verdadeiras cifras e a súa situación. En xeral, estes nenos e nenas son acollidos polos seus clans.

entrevista ana arceo, cooperante de médicos sen fronteiras en etiopía

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos

«Moitas veces, cando chegan ao centro xa é demasiado tarde»