E podendo ser, un pastel

SOCIEDAD

A ninguén se lle escapa que entre as máis literarias xentes que deu desde os tempos de Felipe II esta Última Bretaña nosa, pola que imos andando, como podemos, case todos os días, están os coengos catedralicios. Cregos ilustrados para os que son tradicións queridísimas (aínda que sempre haxa excepcións, claro; o contrario ben raro sería) posuír grandes bibliotecas, cultivar a tertulia sen alterarse diga o que se diga, entender de música, desentrañar inscricións labradas na pedra e viaxar canto sexa posible. Entre eles brillaron especialmente algúns como Antonio López Ferreiro, historiador ademais de novelista, restaurador do mosteiro de Caaveiro e un dos máis lúcidos intelectuais da Galicia decimonónica, na que escaseaban ata os camiños. Ou, xa no século XX, Francisco Fanego, mestre excepcional de linguas clásicas, un dos mellores amigos de Cunqueiro e poeta, por certo, en lingua latina. Son un par de exemplos, pero a nómina podería ser case infinita. O caso, e isto é ao que queríamos ir indo, é que o venres se vai celebrar, na catedral de Mondoñedo, unha cerimonia solemnísima, que ben poucas veces se ve. Alí, dous grandes coengos galegos máis, novos aínda (ningún deles chegou aos noventa anos, fíxense), van recibir, por expreso desexo do papa, o título de prelados de honor da súa santidade. Son Enrique Cal Pardo e Uxío García Amor, dos que algunha vez temos falado. ¿recordan?. Haberá que ir alí. E se despois, ademais, podemos comer un pastel, pois xa será un día magnífico.