«Go, go, go, go, go, go, go...!»

SOCIEDAD

04 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Se unha vez máis volves pechar os ollos un instante, quizais as dúas imaxes de Haile Gebrselassie que regresen ao teu pensamento non teñan nada que ver coas vitorias de quen, ademais de premio Príncipe de Asturias do Deporte, talvez sexa o mellor atleta de todos os tempos. Unha será, probablemente, a dunha derrota: a do corredor etíope intentando, sen éxito, volver conseguir unha medalla nun campionato mundial de atletismo en pista e empezando a quedarse sen forzas mentres os seus rivais, en plena competición, tratan de animalo («Go, go, go, go...!») para que non se descolgue; eses mesmos rivais que en canto crucen a liña de meta acudirán de inmediato a abrazalo. E a outra imaxe é moi probable que sexa a de Gebre antes de dirixirse á liña de saída dun dos últimos maratóns que disputou: ducias de afeccionados e de nenos o rodean, pedíndolle autógrafos, sen deixalo quentar como fan os demais atletas de elite; pero el, lonxe de enfadarse, atende a todos os que a el se achegan, un por un, co seu sorriso de sempre. Cun xesto que, no seu caso, xa é unha marca de fábrica. Si: antes ou despois, os rexistros de Gbreselassie bateranse. De feito, é posible que non tardemos moito en ver correr dez quilómetros en menos de vinte e seis minutos. Ou o maratón en menos de dúas horas. Pero o nome do gran atleta etíope, que destina boa parte de canto gaña a abrir escolas onde non hai nada, forma parte da eternidade. Como o daquel Emil Zatopek que o deu todo en defensa da liberdade.