¿Por que?- preguntoume un policía tan novo que aínda debía ter pendurado o traxe da primeira comuñón no armario. E conteillo. Non sabería situar con precisión o intre no que comecei a fixarme nas mulleres louras que conducen autos de alta gama.
Mais, en pouco tempo, convertinme nun experto.
Os pasos de peóns, algunhas das rúas máis transitadas, as prazas nas que os vehículos circulaban en paralelo, dúas ou tres urbanizacións na periferia da cidade, eran os meus postos de observación preferente.
Pasaba as horas axexando o paso das berlinas de luxo, os BMW azuis biprazas e os todoterreos manexados por louras de melena leonina, pintadas como para ir á guerra e cargadas de alfaias e perlas.
Case sempre con gafas de sol postas ou colocadas por riba dos cabelos dourados. Tíñanme enfeitizado. Ao principio, permanecía nos postos de observación como os ornitólogos nos seus agochos, só esculcaba.
Despois, actuando como un científico, pasei a anotar nun caderno de campo as características dos autos, a forma do peiteado, a marca das gafas, o tipo de xoia.
Reunín un ficheiro cumprido de especies, algunha de alto valor etolóxico.
Finalmente, animeime a fotografalas e merquei unha máquina cun potente teleobxectivo.
Gardaba as fotos nun álbum acompañadas de cadansúa ficha, ata que un día ocorréuseme e decidín amplialas e poñelas nas paredes da miña casa.
En poucos meses tiven toda a casa empapelada.
De aí a converterme en cazador con destrezas de artesán taxidermista só foi dar un pequeno paso.