O gran director

Manuel Fernández García

SOCIEDAD

Vouvos contar algo que me pasou hai moito tempo. Era un ciclista profesional, do montón, chamáronme para correr o Tour de Francia a última hora, polo que non estaba preparado.

Un día era unha xornada de montaña, por iso ía quedar atrás. O director de equipo díxome que se quedaba atrás, ía axudarme. Subín o primeiro dos tres portos cun grupo de sprinters. No segundo porto, moi longo, preto de trinta quilómetros, quedeime dese grupo e dixéronme dende o coche de final de carreira que ía último.

No terceiro porto empecei a notar fame e sede, pero non me quedaba avituallamento algún, falei cos do coche de final de carreira para que chamaran ao meu «querido» director. Dixéronme que era imposible, que só me quedaba esa subida, que intentara aguantar. Empeceime a sentir mareado, e nunha rampla dura funme cara un lado: tiven un grande accidente, polo que rompín as dúas pernas, os dous pés, e quedei paralítico do tronco cara abaixo.

Retireime do ciclismo, todos os compañeiros lamentárono, incluso o mánager, pero o «gran» director non me chamou.

Anos despois fun ver unha carreira de ciclismo, encontreime con que varios compañeiros meus eran directores de equipo, e que o meu antigo equipo seguía dirixido polo mesmo director.

Fun saudalo, e en canto me viu, pediume perdón e ofreceume o posto de segundo director do equipo. Acepteino sen pensalo dúas veces.

Agora estou fóra do equipo, mellor dito fóra do mundo, porque grazas ao «gran» director morrín nun accidente de coche, pero esa é outra historia.