O Restaurante Seixo ocupa o baixo dun edificio de catro andares que se edificou á saída dunha rotonda. Ata alí chega unha beirarrúa á que nunca se lle colocaron baldosas, cunha base rugosa de cemento á vista. Ao pé da porta hai varias mesas de pedra, onde algúns clientes ven pasar o tráfico espeso da última hora da mañá. Mateo G.?L. mira de esguello ao seu acompañante. Aínda ten posto o mono azul co que traballa nas obras da súa casa.
-Non é nada grave, Carlos -di antes de darlle un grolo longo á cervexa.
-Algo che caería. Non o negues.
-Catro días de suspensión de emprego e soldo.
-Non está mal. Podería ser peor.
-Tomareino como unhas pequenas vacacións de verán.
Carlos A.?N. prende un cigarro. Parece inquedo, coma se non aturase estar sentado, e move o corpo continuamente cara adiante. Xa é a cuarta cervexa que toma en menos de media hora. Tuse ata ceibar un esgarro que guinda nun testo onde malviven os restos dunha pranta irrecoñecible. Os vehículos trazan o contorno da rotonda para proseguir o seu percorrido por unha recta que, ao lonxe, esgaza en dous a ladeira dun outeiro.
-Estou empezando a preocuparme -di.
Mateo G.?L. busca unha resposta na liña do horizonte. Pode distinguirse máis alá da longa navallada que as obras do tren de alta velocidade deixaron no medio dunha mesta carballeira.
-Xa dará sinais de vida.
-Non sei por que confiamos tanto nun cocainómano.
-Deixa de dicir parvadas.
-Puido marchar co diñeiro.
-Todos arriscamos. Eu, o primeiro. ¿Ou pensas que me fixo graza ensuciar o meu expediente?
-Non tiñas por que facelo. Ninguén che obrigou.
-Mandárannos de reténs ata alí. Chegando á hora que tiñamos prevista, alguén podía sorprender a Sindo perfectamente.
-Tiña tempo abondo para saír á estrada nacional. Onde están facendo a urbanización.
-Non fas máis que queixarte. E a idea de todo isto foi túa.
-O único que quero é a miña parte. Coma ti e coma min. E como non chegue ese animal voume poñer de moi mal humor.
Mateo G.?L. érguese e golpéalle o ombro con camaradería.
-¿Queres outra cervexa?
-Non me apetece.
Carlos A.?N. desabrocha a funda deixando á vista un peito moreno, moi peludo, e estira as pernas coma se quixese ensaiar algún tipo de exercicio. Un camión cisterna fai a súa entrada no aparcadoiro. Mateo G.?L. sobe as escaleiras que conducen á porta do restaurante e ábrea cun empurrón. Ole a un prato que identifica como carne asada con pementos. Parécelle agradable, pero a esas horas aínda non ten apetito. Os clientes que se xuntan na barra falan de fútbol, e unha parella de anciáns xanta nunha das mesas. O servizo de cabaleiros está ocupado, así que Mateo G.?L. ten que agardar uns minutos a que fique libre. Unha vez dentro, baixa a tapa do váter e prepara unha longa raia de cocaína. Sente unha cambra cando o pó ascende polo tabique. Un disparo que vai directo ao cerebro. Lambe os bordos da tarxeta de crédito e chamusca a bolsa para que os grans non se derramen. Cando regresa á barra, pasa discretamente os dedos polo nariz e nota o retrouso amargo da droga no fondo da gorxa. Pide outra cervexa e sae do local. Carlos A.?N. segue alí, coa ollada perdida nuns paneis publicitarios.
-Chamou hai media hora- di Mateo G.?L.-. Podes estar tranquilo, home.
Carlos A.?N. reméxese coma se acabase de escoitar o estoupido dunha bomba. Ten a boca aberta e ensina unha liña descontinua de dentes amarelos e ennegrecidos polo tabaco.
-Que che dixo? Por que non esta aquí? -pregunta.
-Tivo un problema coa moto. Unha avaría. Non quería dicircho para que esteas tranquilo.