O sangue de Aurora P.?G. flúe pola cánula ata desembocar nun paquete de bolsas que repousan sobre unha balanza, aparello que mide a cantidade extraída mentres se mestura co anticoagulante.
-¿Todo ben?- pregúntalle a enfermeira, Gloria F.?R.
Aurora P.?G. asente. Recostada na butaca, vai abrindo e pechando a man para aumentar o fluxo sanguíneo, como é habitual nesas situacións. Queda pouco para rematar a doazón e a enfermeira obsérvaa atentamente. Xa dende que chegou, Aurora P.?G. amósase inqueda.
-Non me enganes, que te coñezo.
-Creo que me doeu un pouco. Pero só ao principio.
-Unha veterana coma ti non debería dicir esas cousas.
-Tes razón.
Un minuto máis tarde, a enfermeira retíralle a agulla.
-Cando vas vir comigo a taichí? Seguro que che ía sentar ben.
-Non sei. Xa sabes que a min non me convencen moito esas cousas.
-Sempre estás igual, Aurora. Este setembro tes que apuntarte.
En realidade, dóelle o xeonllo da perna esquerda. Nada importante, pero a caída da noite anterior debuxoulle unha pequena mazadura na pel. Liberada da goma que lle oprime o antebrazo, Aurora P.?G. presiona co dedo índice o apósito que Gloria F.?R. lle colocou no punto de punción.
-Xa verei. Pero non che aseguro nada.
A enfermeira asente mecanicamente. Ten ante si esa estraña muller de complexión moi delgada, de cara ancha e pelo crecho sobre os ombros, bastante descoidado. Coñécense do barrio e sabe que non ten fillos. Estivo empregada nunha froitería de Erbedelo e coinciden moitas veces no supermercado. Agora, deixou de traballar había tres meses. Se é certo o que lle dixo anteriormente, o soldo do seu home chégalles de sobra para os dous.
-A vindeira semana collo vacacións- anuncia Gloria F.?R. cun sorriso mentres Aurora P.?G. se incorpora lentamente.
-Alégrome.
Aurora P.?G. non pode disimular a dor. A enfermeira decátase.
-Estás mareada?
-Non. Só é esta perna, que me doe un pouco.
-Levaches un golpe?
-Non. Creo que debe ser reuma. Estou pendente dunhas radiografías.
Gloria F.?R. abre a porta dun armario.
-De que queres o zume?
-Dáme igual. De laranxa.
Xa non lle doe. Gloria F.?R. achégalle a bebida e senta ao seu carón.
-Vou ir a Londres coa miña moza. Non me dá chegado o día, teño moita gana de desconectar- di.
-O outro día cruceime con vós diante do campo de fútbol. Facedes moi boa parella.
-Así que non te dignas nin a saudar.
Gloria F.?R. apreta os beizos para amosar unha lixeira desaprobación.
Aurora P.?G. desempaqueta o envase e dálle un grolo ao zume.
-Levaba un pouco de présa.
-A finais de ano voume mudar ao seu piso. Ana vive preto do Posío.
-Pareceume unha rapaza moi guapa. Quédalle precioso o pelo curto.
A enfermeira saca un pano do peto e pásao polo nariz.
-Entendémonos ben e ten moito sentido do humor. O outro día díxome que se pode analizar a personalidade da xente a partir do seu grupo sanguíneo.
-Iso son parvadas.
-Sae nunha páxina de Internet.
-Aí só poñen mentiras.
-A xente do grupo B somos prácticos e realistas. Aguantamos todo o que nos botan enriba e non hai quen nos faga deternos ante as adversidades. Temos algo que nos converte en artistas e actuamos con moita paixón. Optimistas e un pouco irresponsables. Esa son eu.
Na parede hai un cartel informativo sobre doazón de órganos. Aurora P.?G. dálle outro grolo ao zume. Está algo quente e encolle os ombros.
-E como somos os cero positivo?- pregunta.
-Non o lembro ben, pero creo que individualistas, algo ambiciosos e con dificultades de adaptación ás situacións de cambio.
Aurora P.?G. guinda á papeleira o envase de zume, xa baleiro.