Só paramos cinco minutos para mercar uns bocadillos no Gadis.

-Iso é unha falta laboral grave, Mateo. Deberías sabelo.

-No contrato que asinei o mes pasado non di que se me impida comer.

-Podes recorrer ao sindicato, se queres. Pero vai pensando en que no teu expediente escribirán a palabra «indisciplina» en letras ben grandes.

-Iso é unha inxustiza.

-Onte chegamos aos trinta e nove graos, Mateo. E pola noite levantouse vento. Sabes igual ca min que o risco de incendio era altísimo.

-Pero se non ardeu case nada. Por favor. Monte baixo, toxos e uns cantos piñeiros. Controlámolo en tres horas.

-Porque parou o vento.

-E porque sempre nos xogamos a vida, entendes? Todos. Ti igual ca min. Es o xefe da brigada, pensei que darías a cara polo teu grupo.

-Sempre o fixen. Pero desta vez tiveches mala sorte.

Os dous homes míranse sen pestanexar. Serios. Mateo G.?L. apoia o corpo no capó do todocamiños e cruza os brazos con xesto concentrado. O xefe da brigada volve poñer a gorra e deixa os ollos perdidos na inmensidade do val. En ningún momento correu perigo a pequena urbanización de casas unifamiliares que aparecían, case por arte de maxia, entre un piñeiral, pero o brigadista está seguro de que se non tivesen actuado con rapidez, a solución máis responsable consistiría nun desaloxo. Agora parécelle que as construcións brillan máis co intenso sol da mañá, desprovistas xa daquel contorno arbóreo que foi reducido polo incendio a unha simple alfombra negra.

-Moi mala sorte-, repite.

A faciana de Mateo G.?L. adquire unha fasquía sombría. Tose. Permanece inmóbil, en idéntica posición sobre o vehículo, sempre cos brazos cruzados sobre o peito. De súpeto, tapa a cara coas mans e comeza a sacudir a cabeza cara adiante, coma se non puidese evitar unha especie de convulsión nerviosa. O xefe da brigada achégase e pásalle unha man polo ombro.

-Non te poñas así, home. Tampouco é para tanto.

Mateo G.?L. tarda en quitar as mans da cara. No seu rostro hai agora algo parecido a un aceno de estupefacción.

-Xa o sei. Pero non me negarás que é gracioso.

O xefe de brigada encolle os ombros, como calibrando se tamén a el lle podía resultar divertido, e asente.

-A verdade é que si.

Mateo G.?L. é o primeiro en estoupar de risa. Bota a man ao estómago e morde os beizos, avergoñado. Segundos máis tarde, o xefe de brigada tampouco pode conter as gargalladas.

-Pero mira que es parvo.

-Que se lle vai facer. Eu nacín así. Con mala sorte -responde Mateo G.?L.

-Ti e os outros dous compañeiros.

-Non te equivoques. A idea de mercar os bocadillos foi miña.

-A quen se lle conte non o cre. Crearía un precedente un pouco raro, pero para min que arquivarán o expediente por mágoa.

-Oxalá.

Pouco a pouco vanse recuperando das gargalladas ata que todo volve ficar en silencio. Mateo G.?L. en primeiro lugar. O xefe da brigada continúa rindo uns segundos máis, antes de abrir a porta do todocamiños e tomar asento no lugar do condutor. Coloca o cinturón de seguridade. Mateo G.?L. xira o corpo á dereita e deslízase sobre o capó.

-Anda, sube -ordénalle o xefe-. Lévote á casa.

O xefe de brigada arrinca o vehículo, que deixa tras de si unha cortina de po que se mestura co fume do tubo de escape. Cincuenta metros máis adiante, chegan a unha pista asfaltada. Mentres trazan as primeiras curvas, Mateo G.?L. baixa a fiestra para contemplar o monte queimado. Unha nube sucia percorre a ladeira do monte.

-De todos os supermercados que hai en Oregón, vou entrar precisamente no que o xefe provincial está facendo a compra coa muller- lamenta Mateo G.L.