Sei que che gusto, Camélia. Tes que empezar a facerme prezo.

-Fareicho o día que me regales un dos teus pisos.

O home sorrí antes de deixar os cartos sobre a mesiña de noite, e entra no cuarto de baño. Camélia V.?P. aínda segue deitada na cama, fumando un Chesterfield con xesto pensativo. O motel Trópico é un deses establecementos onde os clientes acceden sen seren vistos polos empregados. Cando os cuartos fican baleiros, dúas empregadas cambian toallas e sabas, desinfectan os servizos e os jacuzzis e todo queda perfectamente preparado para a seguinte parella. Ofrécese un completo servizo de bar e xoguetes sexuais, dende consoladores a roupa comestible, enerxizantes, arneses ou material sado. Nos corredores colocáranse esculturas de todo tipo, maiormente espidas e recreando posturas amatorias, e na intimidade dos cuartos hai grandes espellos, luces de neón e pantallas con filmacións de carácter pornográfico.

Habitualmente, Camélia V.?P. desprázase ou recibe os clientes no seu apartamento, pero ao construtor gústalle o Trópico. Encóntranse unha vez ao mes, mesmo dúas, ás veces máis, e non hai ocasión na que non lle lembre as especiais consideracións que ten con ela. O motel é un lugar escollido, presume. E tenta convencela de que tantas atencións deben agradecérselle con servizos exclusivos. Nada que Camélia V.?P. non lle ofreza a outros clientes, pero que o home sempre recibe sentíndose un ser único e afortunado. Os vinte anos da prostituta rexuvenéceno con só escoitar á súa voz. Ten o corpo duro, a pel tersa e escura, os peitos firmes e apuntados e un rostro que pode ser visto á saída dun instituto.

-Non tardarei moito- di o construtor antes de pechar a porta do baño.

Camélia V.?P. apaga o cigarro e suspira. Apetécelle botar o día durmindo, quen sabe se unha semana enteira. Apoia a cabeza na almofada e de novo ve ese espantoso conxunto bordado que acababa de regalarlle. Alí está, enrugado sobre a alfombra. Tamén repara nos seus pantalóns, na súa camisa, na súa roupa interior pulcramente dobrada sobre esa cadeira. Noxo. Alguén tan ordenado provócalle náuseas. Escoita o ruído da ducha e imaxínao debaixo da auga, deténdose en cada recanto do seu corpo con hixiene enfermiza, coma se estivese desinfectándose unha e outra vez do contacto coa súa pel. Sabe que botará media hora no cuarto de baño, invertendo o tópico que imputa ás mulleres ese tipo de tardanzas.

Camélia V.?P. xa está vestida, así que decide matar o tempo lendo unha revista. Ao pouco volve reparar no conxunto que lle regalou. Debería recollelo, metelo no bolso e non repetir a situación do mes pasado. Pode percibir a súa agresividade cando rexeita os seus agasallos. Dóbrao rapidamente, gárdao mentres sente que ese cuarto empeza a parecerse a unha gaiola. Detrás da porta do servizo segue correndo a auga da ducha. Camélia V.?P ve as luces vermellas no teito, a tosca pintura do kamasutra sobre a cama. Os pantalóns que seguen perfectamente dobrados na cadeira. Sabe que o construtor garda algo no peto esquerdo e nota que se lle electrifica o corpo ao pensar que sería capaz de facelo. Sente que non ten o valor suficiente, pero ao momento cambia de opinión. Non podería denunciala. Claro que non. Suporía recoñecer ante a policía que se viu cunha prostituta, e non pode manchar a súa reputación de home intachable. O construtor sae moitas veces na televisión local. Frecuenta amizades da política, é un empresario feito a si mesmo.

Camélia V.?P. pénsao mellor. Non só lle roubará esa carteira negra. Tamén os pantalóns.