El próximo jueves, con La Voz, una nueva edición de la Guía de Másters de Galicia
Hai un par de días, durante unha visita a Galicia, a directora da área de análise social de Cáritas Española, Ana Abril, chamaba a atención sobre a gravísima situación á que se enfrontan, neste tempo de fonda crise, miles e miles de familias de todo o país, que se ven incapaces de superar unhas dificultades ás que na súa maior parte xamais pensaran verse abocadas. E nunhas circunstancias coma estas, dicía ela, é fundamental non esquecer xamais a importancia de permanecer unidos ante os trances máis duros, para poder plantarlles cara ás adversidades. Ana Abril, que está afeita a ter ante si os maiores dramas que un poida imaxinar, advirte do perigo de que a sociedade, no seu conxunto, caia na desesperanza. Porque, na medida en que esa desesperanza nos invade, un esquece que sempre hai algo que pode facer para que a vida dos que están ao seu lado sexa un pouco máis fácil. Ou, alomenos, non tan difícil. É unha cuestión de valores, di Ana. Ana, e todas as persoas que forman Cáritas. Persoas que dan o mellor de si sen pedir nada. Cousa que, por suposto, sucede tamén na mesma medida en moitas outras organizacións humanitarias, nas que xente igualmente excepcional está facendo un labor que merece a maior das homenaxes. Por certo, e volvendo ao caso de Cáritas, un dos problemas que máis preocupan aos seus integrantes é o dos chamados menos. O dos menores non acompañados. Un drama. Cando Ana fala diso, dos nenos e dos rapaces sen amparo, o corazón éncheselle de lágrimas.