Nada hai de estraño, e niso estamos de acordo por completo, en que a millóns e millóns de persoas lles pareza imposible que alguén que morreu hai anos -por exemplo, un papa que quixo facer da súa vida, sen baixarse xamais da cruz, o espello dun irrenunciable compromiso cos pobres, cos enfermos e con todos cantos habitan o padecemento- poida, desde onde hoxe está, curar a alguén a quen xa dicían non poder axudar os médicos. Que existan os milagres, para entendernos. Ademais, os avances da ciencia demóstrannos que as leis da física permiten hoxe explicar, sen necesidade de apelar a ningunha clase de misterio, o que á humanidade no pasado lle pareceron prodixios, pero que non o eran. Non precisamos xa dos mitos, nin moito menos, para explicar a orixe do universo. Especialmente, cando sabemos que todo o que nos rodea naceu dunha xigantesca explosión que puxo en marcha o reloxo do noso mundo; ou, por dicilo doutro xeito igualmente impreciso, que botou a andar, a través dunha evolución sen pausa, a maquinaria do tempo. Aínda que, se cadra, tampouco estaría de máis preguntarnos se todo estará tan claro como se escoita afirmar ás veces. E por que ten unha forza tan grande, como dicía Cunqueiro, o corazón que reza.