Deixemos de lado por un instante, se así lles parece, a vida sentimental, polo visto tan axitada, desa señora duquesa da que se fala estes días sen pausa. Prescindamos de botarnos a aventurar nós tamén se, á súa venerable idade, vai casar outra vez ou non casa (ao seu segundo marido, polo visto, non lle daba máis que 2.000 pesetas ao mes para gastos, se ben é certo que vivindo entre cadros de xenios como Goya, de palacio en palacio, debe de ser fácil consolarse da falta de recursos para tomar café cando a un lle dea a gana), e dirixamos directamente a nosa mirada a outros ámbitos da actualidade. Iso si, sen abandonar hoxe o dourado mundo da aristocracia. Un mundo co que un, a dicir verdade, non tivo nunca excesiva relación, máis alá dalgunha circunstancial conversa cun conde -fillo, por certo, da duquesa mencionada e afeccionado ao mundo da hípica- que comía patacas fritidas de bolsa coa maior das naturalidades; e, sobre todo, da sincera amizade que nos une, a vostedes e a min, cunha das máis encantadoras marquesas do universo mundo, Simonetta, historiadora italiana que vive en Mondoñedo desde hai anos, parenta ela de varios príncipes, experta na arte relixiosa labrada en alabastro e muller fascinada polos misterios das pirámides. A cuestión, e desculpen que nos medren tanto as ramas, é que un querería celebrar hoxe, e perdoen o retraso, a concesión a Vicente del Bosque dun título nobiliario. Non parece mala idea que coa xente boa tamén se teña algunha vez un detalle.