Desde que o xoves os membros da Academia Sueca lle concederon, por fin, o Nobel de Literatura a Mario Vargas Llosa, véñense escoitando todo tipo de valoracións sobre quen é, sen dúbida, un dos máis grandes narradores do noso tempo, con independencia de que non toda a súa obra estea a altura das súas mellores novelas, maxistrais páxina tras páxina. Un escritor que, pola lealdade aos seus principios (da que sempre fai gala) e pola brillantez da súa escritura (que a ninguén se lle escapa), se algo non merece é que o envolvan nin as críticas, a miúdo tan gratuítas, dalgúns dos que agora discrepan da súa visión do mundo, nin tampouco os desmesurados eloxios dos que para acudir de inmediato en defensa do vencedor, igualmente a paso de carga, non necesitan nada. O estraño, iso si, na opinión particular deste que aquí lles fala, é que a estas horas aínda se incida máis ben pouco no que talvez vostedes tamén consideren un aspecto fundamental da obra de Vargas Llosa: esas outras páxinas nas que el analiza, por unha parte, todo o que de inmensamente fermoso habita no feito de transformar a ficción nunha nova forma de realidade, e por outra os logros de creadores cos que non sempre o une unha relación persoal inmellorable. Ao autor de La guerra del fin del mundo non lle doen prendas á hora de sinalar a grandeza de novelistas cos que, algunha vez, ata andou a trompadas. Quizais por iso, gústame imaxinar, sexa ou non sexa verdade, que García Márquez, aínda que preferise non contalo, xa lle mandou, emocionado, un abrazo.