Zapatero pide un aplazamiento de su declaración por la «complejidad» del sumario
Ten toda a razón, unha vez máis, Stephen Hawking, o xenial astrofísico que ata a súa xubilación estivo á fronte da cátedra que Isaac Newton desempeñara na Universidad de Cambridge (e que agora está a piques de publicar un novo libro, The Grand Design ), cando afirma que hoxe a ciencia, para poder explicar a creación do universo, non precisa en absoluto supoñer que Deus existe. E nin se nos pasaría pola imaxinación (¿quen somos, ademais, para facelo, sobre todo despois de esquecer por completo a arte de dividir con comas e cando un xamais deu comprendido para que servían aqueles enes tan pesados que estaban tendendo a infinito todo o tempo...?) cuestionar afirmacións como a que vincula a lei da gravidade á capacidade do universo para crearse a si mesmo partindo da nada. De todas maneiras, e partindo ademais da premisa de que a existencia de Deus é indemostrable (polo menos nunha medida semellante á imposibilidade de demostrar a súa inexistencia), a algúns fáisenos difícil crer que é do Big Bang , e polo tanto do caos, de onde procede, con toda a evolución polo medio que se queira, o que máis nos sorprende. Porque en efecto é doado imaxinar que nunca existiu ese alento de Deus do que a Revelación nos fala. Incluso aceptar que o que máis amamos só é parte da escuridade. Pero máis difícil, en cambio, sería aceptar que a man invisible que se nos tende no último instante, a que nos salva, non é nada. Posto que sería admitir que estamos, incluso, aínda máis sós do que pensamos. En calquera caso, acabaremos por averigualo.