Outro espectro

SOCIEDAD

19 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Rodeada de herba e reconvertida en banco de pedra, a vella lauda sepulcral, que foi dun Andrade, serve agora, á intemperie, para que senten nela, durante o día, os que buscan un instante de sosego mentres agardan a hora de que algún funeral empece, e pola noite rapaces que deixan, encima das letras góticas, papel de prata, botellas de plástico e latas baleiras de cervexa. Lonxe vai o tempo no que quen xaceu debaixo dela, sen ser dos morgados da súa familia, tiña moi bos cabalos e unha casa de grosas paredes á que lle chamarían torre aínda que non chegase a tanto. Sería el, a bo seguro, non exactamente un cabaleiro, pero si un escudeiro de peso, que compartía o sangue e o apelido cos señores que posuían pazos na Coruña e en Santiago e castelos en Narahío, Moeche, Vilalba e Pontedeume. Del, máis alá da pedra labrada e rota, nada queda, nin sequera unha difusa memoria. A súa pel e os seus ósos levarán séculos desfeitos. Pero talvez a súa sombra non ande moi lonxe desa lauda que tratou de protexer inutilmente os seus restos. E quizais hoxe, mentres alí mesmo florece a árbore de Xudea, chamada de Xudas outras veces (cercis siliquastrum, para os amigos da ciencia), que chegou a Europa no tempo das Cruzadas e que botou raíces en Francia antes que en calquera outro lugar do continente, o defunto pasee sen que o vexan. É probable, incluso, que algunha vez suba ao pouco que do castro deixaron as escavadoras, para mirar, triste, desde aquel alto, o estaleiro que xa non fai barcos. Así pode ser, en efecto, aínda que non resulta doado sabelo.