O responsable de xestionar a política europea de investigación aposta por basear a economía galega na sociedade do coñecemento e na formación do capital humano
16 dic 2007 . Actualizado a las 02:00 h.O chantadino Xosé Manuel Silva leva ligado aos asuntos comunitarios desde que España empezou a negociar a súa adhesión á UE, hai máis de vinte anos. Director xeral de Agricultura da Comisión Europea entre 1999 e o 2005, ocupa desde xaneiro do 2006 a Dirección Xeral de Investigación, onde manexa un orzamento de 50.521 millóns de euros. Esa é a dotación do Programa Marco de Investigación, no que a Unión ten depositadas boa parte das súas expectativas de crecemento, competitividade e creación de emprego. -¿Estanse cumprindo as expectativas en materia de investigación, desenvolvemento e investigación (I+D+i)? -O máis importante é o porcentaxe do PIB dedicado a I+D+i. Sempre se falou dun 3%, é dicir dun 2% privado e un 1% público. Case todos os países están cerca do segundo, pero no 2% privado hai grandes diferenzas. No caso de España e de Galicia, os datos son francamente baixos. -As estatísticas din que Galicia inviste en I+D+i menos que España hai 35 anos, e que é onde menos crece ese gasto. -Hai que dar un acelerón moi grande, pero Galicia ten instrumentos para dalo. Hai un gran interese, mais percibo dificultades para actuar en conxunto. -¿As administracións teñen a mesma estratexia? -Os esforzos deben canalizarse de forma conxunta, pero hai que ser realista: o mundo da investigación é moi amplo e non está mal ter varias ventanillas ás que acudir. Os plans estatais, rexionais e europeos son perfectamente compatibles. -Fóra do Programa Marco, Galicia ten unha importante partida de fondos estruturais para investigación. -Quedei moi satisfeito cando vin que a primeira liña do programa galego para eses fondos era a sociedade do coñecemento. É un salto importante, sempre que se faga tendo claras as prioridades. -¿Cales? -Non podemos recorrer á fórmula de café para todos. Hai que priorizar aos sectores máis competitivos nos que podemos acadar a excelencia. Penso no mundo do mar, das conservas, da madeira, pero tamén no da informática, nalgúns aspectos da medicina, a tecnoloxía dos alimentos, a automoción, o téxtil. Non digo que se abandone ao resto dos sectores, pero si que se prioricen os que poden correr máis. -¿Como implicar ás pemes nese proceso? -As microempresas, individualmente, non poden ter acceso á esa financiación. Pero si a nivel sectorial, porque poden ser o obxecto dunha subvención condicionada ao acordo cun centro que desenvolva unha investigación para lles resolver problemas específicos. -Entón hai que ter ideas; é dicir, innovar. ¿Galicia está preparada para iso? -Non penso que Galicia sexa moi diferente doutras sociedades. Pero máis que ter ideas, as empresas deben pensar qué problemas teñen e preguntarse que lles pode achegar a investigación para solucionalos. -¿Vai ter Galicia capacidade para absorber os fondos en proxectos máis pequenos e de menos custos que as grandes infraestruturas? -É un reto que merece a pena, porque a sociedade do coñecemento fará que Galicia sexa máis competitiva. Estou de acordo en que é difícil absorber todos os fondos, pero é un reto que hai que asumir.