NON CABE dúbida. Realmente é un animal moi fermoso, esa pantera de hipnótica mirada que atoparon nas illas de Borneo e de Sumatra. Ese xigantesco gato de pel tan parecida á espesura da xungla, que segundo o Fondo Mundial para a Natureza pertence a unha especie ata agora descoñecida, e que ademais é, entre todos os felinos, o que posúe os maiores dentes en proporción ao seu tamaño. Igualmente fermoso, ou máis fermoso aínda, é que sigan quedando no mundo paraísos coma os que ese animal habita; ecosistemas nos que, a pesar de tanto como nos empeñamos en maltratar este planeta ?polo momento azul? que nos serve de casa, non deixa de haber prodixios da creación capaces de sorprendernos: seres marabillosos que por algún arcano designio quizais só se presenten ante os nosos ollos para asombrarnos. Hai anos que un perdeu a ilusión, para qué nos imos enganar, de que nos cumios máis altos da terra viva un primate descoñecido, e xa non digamos nada de que puidese aparecer nas simas dos lagos de Escocia unha serpe xigante. O paso do tempo, mestre tan pragmático, ensina que os prodixios non teñen por costume multiplicarse. Pero, cando menos, debería levarnos a tomar conciencia de que a creación é unha fonte de beleza coa que non pode compararse ningún catálogo de seres fantásticos, e da urxentísima necesidade de preservala con medidas que tamén beneficien ás xentes que habitan os lugares a protexer. Así que benvida sexa a pantera nova. E non perdamos a esperanza, para que así un poida seguir soñando hoxe que nos queda algún galo de monte oculto no corazón dos Ancares.