A XENÉTICA veu en auxilio dos mitos e revelou que os galegos antigos chegaron ás illas británicas. Non é a única intervención da ciencia na historia. Recentemente, os ingleses puideron coñecer que as probas de ADN confirman o que moitos sospeitaban e algúns teimaban en negar: que todos somos o resultado dunha mestizaxe da que xa nin albiscamos a orixe. A investigación acrecentou o tradicional interese do británicos polas árbores xenealóxicas e rastrexar os seus devanceiros, ademais de inspirar un programa de televisión. Precisamente un dos espazos de máis éxito da BBC titúlase ¿Quen te cres que es? e permite ao espectador seguir a procura de xentes coñecidas no seu pasado, con resultados sorprendentes. Un dos máis conmovedores foi a descuberta polo actor Stephen Fry -de ascendencia xudea centroeuropea- de como varios parentes morreron en Auschwitz. Foi unha viaxe na que quedou clara como as grandes decisións da historia condicionan o noso presente sen nós sabelo, pero tamén como as pequenas aventuras poden cambiar o destino de moitos. Para facilitar esa investigación identitaria, os ingleses contan con arquivos ben conservados e accesibles -ata por Internet-. Quizais por isto mesmo Inglaterra pode gabarse dos seus méritos como nazón. Quizais porque a construción común comeza pola valoración do individual. Querernos a nós para querernos como pobo.