Arquitecturas

SOCIEDAD

11 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

OS xornalistas sabemos que ás veces unha conclusión precipitada pode quedar desmentida pola realidade, esa teimuda que insiste en botar por terra as nosas conxecturas, por moi benévolas que sexan as intencións que as arman. Así, a un gustaríalle pensar que a recente reedición de Arquitectura popular en Galicia , de Pedro de Llano, e As construcións da arquitectura popular , de Manuel Caamaño, obedecen a unha demanda por concretar na práctica as sabedorías de ambos os dous libros. Xunto con La arquitectura del humo , de Iago Bonet Correa, configuran a cartografía dun modo de habitar que esmorece a maior velocidade que quen foron e son a súa razón de ser. Pero a realidade impón a súa lei e transforma a etimoloxía de concretar nunha acción máis preto da palabra inglesa que define o formigón, e que non é precisamente arquitectura de vangarda. Deste xeito, o obxecto de estudo destas tres obras semella condenado a unha progresiva desaparición, o que deixará a estes manuais nunha posición equiparable á das monografías sobre o románico ou o gótico, só que coa diferenza de que como os seus referentes son ben máis humildes que catedrais e pazos, serán as únicas pegadas doutro tempo que non existirá. Como todas as artes, a arquitectura debe respirar dos seus días. A mimetización de modelos pasados encaixa coa cultura virtual e superficial que vivimos, pero non deixa de ser un fraude. Cada historia contén unha ensinanza, un alicerce sobre o que cimentar o futuro; eis a grandeza deste patrimonio que, non o esquezamos, define quen somos.