COA desaparición das corredoiras, as vacas tiveron que afacerse á convivencia nas estradas con vehículos dotados dunha velocidade superior a calquera das marchas que un paisano puidese imprimirlles coa vara. As poucas que quedan dispútanlles aos burros o dubidoso privilexio de recibir os improperios de condutores que saen dunha curva queimando goma e teñen que poñer a proba o seu tempo de reacción, se non queren que os colegas os alcumen como o Raikkonen da vila. Pero dende que os quads lles devolveron unha certa utilidade ás corredoiras, hai vacas que pensan que elas tamén teñen dereito ás autoestradas. Ou polo menos a que se meteu na autovía A-6 á altura de Bembibre e arriscou a súa vida e a dos automobilistas. Sabemos pouco do mecanismo lóxico dos ruminantes -desaproveitamos a crise da encefalopatía para ampliar coñecementos- e os axentes que a retiraron tampouco indagaron máis, e iso que se presentaron da Guardia Civil Rural, que deben de ter máis tratos coas marelas que os de Tráfico. O despacho da axencia tampouco axuda, porque non di se ía cara Castela ou subía a Galicia. Quizais estaba avisada de que o mércores comeza en Silleda a Semana Verde. Claro que o mesmo carril tamén leva ao matadoiro de Montellos. Ou pode que algo se lle perdera en Boimorto. Se eu fose vaca, tería unha curiosidade lóxica -de novo- por ese sitio. No fondo, quizais só se trate dun intento á desesperada por non sentirse vítima dun sistema que te ignora ata que es un perigo. Mentres, seguen caendo os cans, os gatos ou os ourizos. Os pequenos sempre van antes.