DENDE ESCANDOI | O |

06 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

SI, tamén a min me parece mentira, cómo non mo vai parecer, pero neste domingo de maio, cando tan fermoso sería volver pechar os ollos e sentir ás campás da catedral de Mondoñedo cantarlle ao vento, Carmiña Cunqueiro xa non está sentada ao pé daquela ventá súa, de luz tan clara e pintada de branco, que mira á basílica de pedras douradas na que o señor mariscal Pardo de Cela, entre bispos e coengos de tempos pasados, aínda agarda pola eternidade. Non, non... Carmiña xa non está nesa casa de paredes vellas na que ela viu nacer, da man do seu irmán, sobre tintas e cadernos, ao Señor Merlín e ao Señor Sinbad e ao Señor Sochantre: a casa, outro territorio máxico, de portas sempre francas, na que don Álvaro, aquel grande poeta e construtor de soños ao que aínda temos que mirar de lonxe para podelo contemplar enteiro dada a súa inmensidade, escribiu para sempre, á súa beira, eses libros marabillosos, historias que son un refuxio contra as doenzas da alma. Desculpen vostedes, por favor, tamén esta vez a emoción. Pero é que nós lle queriamos moito a Carmiña, ¿saben? ¡Queriámoslle tanto, a ela que non escribiu libro ningún pero que fixo canto puido e máis para que os soños que andaban ao seu lado non os rompese a realidade, que xa ven, perdón, case non podo evitar as lágrimas! Foi todo afecto e todo dozura e todo xenerosidade. Non me atrevo a mirar esa ventá sen ela, a ausencia faime dano... (Pero sei, iso si, que Deus, a estas horas, ten a Carmiña consigo. E que lle fala.)