DENDE ESCANDOI
08 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.ESTÁ moi de actualidade estes días, como saben, o que xa se deu en chamar o evanxeo de Xudas. Un manuscrito de máis de 1.700 anos de antigüidade, atopado nunha tumba exipcia e recén restaurado, que conta unha nova versión da historia do Iscariote, dicindo que realmente foi Xesús quen pediu ser traizoado. Non cabe dúbida ningunha de que vai ser un best-seller, unha vez transcritos os papiros en letra de molde. Cae en terreo abonado. Pero á marxe de bromas, o certo é que o documento, de indubidable interese histórico, ten e terá un valor excepcional para os estudosos das crenzas daquelas sectas gnósticas, tan influenciadas polas filosofías orientais, que defendían a necesidade de achegarse á divinidade a través da razón; das que prescindían da esencia dos textos canónicos da igrexa, nos que se dá noticia dunha realidade revelada na que Noso Señor lle fala ao home coas palabras do home. ¡En fin...! Non pretendo aburrilos. Sobre o que cadaquén cre no fondo do seu corazón, pouco pode opinarse. Só digo, se me permiten o comentario, que non deixa de ser curiosa a paixón que espertan cantas voces se alzan, xa sexa hoxe ou a través do tempo, para contar a historia de Xesús de maneira diferente á que se contara. E tamén que un, como sempre sentiu dicir na casa, segue crendo que incluso aquel Xudas terrible puido ser perdoado... se de verdade quixo salvarse. (Se chegou a arrepentirse, vaia. Porque a traizón, para que enganarnos, sempre hai quen a habita encantado.)