DENDE ESCANDOI
28 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.A ESTA HORA, nesa casa cada vez máis vella na que o home do reloxo de ouro naceu e pasou os seus primeiros anos, non entra demasiada luz a través da ventá que mira aos montes polos que cando el era neno corría o gando bravo. O sol é pouco amigo da fiestra aberta a esa serra na que antes, no medio da braña, cantaba o galo branco que custodiaba un tesouro esquivo, xamais encontrado. A nai, a do home que non deixa de mirar as agullas do reloxo baixo a luz escasa -digo nai porque iso foi para el-, está sentada a carón da cociña de ferro, na que arden, mansas, unhas toradas de leña que, aínda que quentan o aire, tampouco alumean demasiado. O olor da madeira na penumbra lévao a el consigo, por un instante, a aqueloutro tempo -ao que fuxiu sen remedio- no que a esa casa chegaban na noite, do lado do mar, traídos polo vento, os ecos dun estaleiro que xa non fai barcos. Ás horas de antano nas que, cando o Nordés se calmaba, polo aire sentíase vir, como unha invocación, a máxica e áspera música do corno de boi que alguén tocaba para calmar os espíritos sen descanso, os espantos que berran polos tellados. Pregúntalle a nai, a ese home, cun sorriso triste, se xa marcha, se tampouco hoxe vai parar con ela algo. El está a piques de contestar que ten o coche mal aparcado, como se alí, nos camiños sen xente, fose sitio precisamente o que falta. E ao final non dirá iso, pero marchará coma sempre: a toda présa, co móbil na orella. Fuxindo, só, cara a ningunha parte.