DENDE ESCANDOI
19 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.DESPOIS de tanto tempo, o corredor volve saír ao camiño, calzado con zapatillas de deporte; mirando temeroso as nubes, que tamén o observan a el, poñéndolle mala cara, desde o ceo. As zapatillas, que xamais pensaron volverse ver neste trance, son vellas, dun modelo que xa non se fabrica: de color laranxa fosforescente. Ultimamente, nin tocaban o asfalto: só as usaba os domingos para pintar a brocha e para segar na horta a herba. O chándal, en cambio, é novo. Gris e negro. Como corresponde á súa idade, de apariencia máis ben discreta. Nada que ver, nin polo perímetro nin polo deseño, coas pezas que usaba cando pesaba quince quilos menos e gañaba trofeos nas carreiras populares das festas. O corredor cruza o portal timidamente, coidando de pisar primeiro co pé dereito. Pensando que se Paul Tergat venceu no maratón de Nova York con trinta e moitos anos, a data de nacemento non debería ser o problema. Abonda con lembrar, dise, que Carlos Lopes foi campión olímpico case con corenta. Por fin se decide a arrincar. Empeza. Avanza tan a modo que calquera crería que en realidade está camiñando, pero para el está claro que non é así, que corre de novo. Sábeo porque lle falta o alento nada máis comezar, e porque lle doe todo. Pero tamén sabe que a dor acabará marchando, e que a de hoxe é a maior das victorias. Como sabe, ademais, que nunca volverá acender un último cigarro. Iso teno cosido na pel. Lévao escrito nas cicatrices do peito.